O PP pide o arranxo urxente de dúas zonas da cidade de Lugo
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP fanse eco das queixas dos veciños que piden unha mellora destas dúas zonas.
“O parque infantil Marcos Cela precisa dunha intervención inmediata por parte do goberno local xa que presenta unha serie de deficiencias que poden poñer en risco a integridade dos pequenos que fagan uso desta zona de ocio” afirma o Partido Popular.
O máis urxente é reparar o valado exterior desta zona verde, xa que rompeu e falta un tramo de varios metros, provocando un serio risca de caída por unha ladeira de varias decenas de metros. Na propia zona de xogos infantil urxe reparar o chan acolchado, xa que ten varias faltas e roturas, polo que non cumpre a súa función, sen esquecer a necesidade de mellorar o aseo da zona.
Ademais, tamén poñen de manifesto a necesidade de acondicionar a rúa Roi Xordo, no barrio de Fingoi. Precisa dunha mellora, polo menos así o piden os veciños da zona, que denuncian o mal estado das beirarrúas, sobre todo as que rodean a zona de xogos infantil, punto no que xa se produciron varias caídas de pequenos e maiores ao tropezar coas plaquetas rotas do chan ou coas raíces das árbores.
Por iso, os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo piden ao goberno de Lugo o arranxo inmediato desta zona, xa que se trata dun punto moi transitado polos lucenses xa que a zona de xogos infantil é moi empregada polos veciños no seu tempo de ocio.