Piden que se expedente ao músico da Banda de Lugo condenado por agredir a unha compañeira
O PP de Lugo pide ao goberno local que reactive o expedente ao músico da Banda Municipal que empurrou a unha compañeira durante un ensaio, no ano 2017. A concelleira popular Beatriz Vázquez preguntará en comisión “en que punto está este proceso administrativo que quedou paralizado á espera da sentenza”.
Desde o grupo popular interesáronse tamén polo futuro da banda que “semella estar enquistado desde fai catro anos” e preguntan ao goberno local “cando vai rematar o proceso para designar ao director e se van a contratar con celeridade a máis músicos unha vez que ocupe a súa praza”.
Beatriz Vázquez reflexiona sobre a "situación caótica" da banda municipal de Lugo "que o PSOE iniciou a desmantelar, e que agora o BNG está a liquidar”.
Din os populares que desde que tivo lugar a agresión, no ano 2017, os 18 músicos da banda non volveron a actuar en público. "A situación deste persoal municipal é esperpéntica, estamos desperdiciando o talento duns profesionais que, nestes momentos, cinguen a súa función a traballos de ensinanza na Escola Municipal de Música", denuncia a edil.
A concelleira explica ademais que "desde a chegada do PSOE á alcaldía de Lugo" o número de músicos pasou de 48 aos 18 actuais. Desde o Grupo Popular reclaman que se impulse esta agrupación musical "porque a consideramos moi importante, temos os instrumentos, temos as instalacións e agora si se incorpora o director só faltan máis músicos”. Vázquez lamentou que a formación viva "o seu peor momento" dende a súa creación, no ano 1879. "É moi triste que a banda máis antiga de Galicia e representativa de Lugo, esté en coma e sen visos de recuperación", conclúe.