O PP pídelle ao Goberno de España que faga o posible para ampliar o polígono industrial de Rábade
O PP lucense insta ao Goberno de España a poñer en marcha as medidas necesarias para ampliar o polígono industrial de Rábade, ofrecendo novas parcelas de solo dispoñible e acometer un novo acceso a esta infraestrutura dende a estrada N-VI.
Os senadores José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano anunciaron que levarán esta iniciativa á Comisión de Vivenda e Axenda Urbana da Cámara Alta tras manter unha reunión cos representantes da asociación de empresarios do polígono de Rábade na que tamén participou a alcaldesa, Remedios González.
Promovido e xestionado pola Entidad Solo Empresarial do Atlántico (SEA), participada maioritariamente polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana do Goberno de España, a través de Sepes (a Entidad Estatal de Suelo), o polígono industrial de Rábade é “unha referencia na provincia” favorecido pola “localización céntrica, estratéxica e ben conectada” que, ademais, “foi capaz de atraer unha ampla variedade de empresas e negocios que xeran riqueza e emprego no municipio”, subliñan.
Na actualidade, hai empresas interesadas en adquirir solo industrial, pero “non hai oferta de parcelas dispoñibles suficientes para facer fronte á demanda; polo que sería imprescindible acometer unha ampliación” que suporía, ademais, “un revulsivo de cara ao futuro próximo desta localidade”. Para “atraer a máis empresariado, é necesario dispoñer da maior área posible para poder levar a cabo unha actuación viable”.
Ademais, os senadores sinala que “se o Goberno decide a ampliación, o Concello estaría disposto a favorecela cedendo terreos dos que dispón colindantes co polígono”.
Outra das reivindicacións recorrentes referente a esta área industrial é a necesidade de acometer unha mellora dos accesos ao polígono, aliviando o tráfico pesado do centro urbano. "En concreto sería preciso abrir un novo acceso desde a estrada N-VI. Isto é así porque este polígono limita coas máis importantes vías de comunicación de Galicia como a citada N-VI e tamén está próximo ás autovías A-6 e A-8", conclúen.