O PP pon en valor o investimento da Xunta na reforma da residencia de A Milagrosa en Lugo

As deputadas do Grupo Popular Katy Varela e Encarna Amigo visitaron as obras de reforma que a Xunta de Galicia está a levar a cabo na residencia de maiores de A Milagrosa, en Lugo, para as que se reservou nos orzamentos de 2026 unha partida de un millón de euros.
Durante o percorrido, destacaron que a remodelación enmárcase no modelo implantado pola Xunta para optimizar a atención aos maiores nestes centros, mellorando a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort dos residentes mediante a renovación da envolvente térmica, a cuberta e os espazos interiores.
As deputadas aproveitaron tamén para criticar a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o recoñecemento simultáneo da dependencia e a discapacidade en Galicia. Segundo explicaron, esta medida beneficiou en dez meses a máis de 10.200 dependentes, e o recurso provocará atrasos na percepción das axudas por parte dos afectados.
Varela e Amigo subliñaron as graves consecuencias que esta acción terá para os galegos dependentes e discapacitados. “Con esta decisión, o Goberno central obriga a que todos estes galegos pasen por unha dobre valoración e se atrase a chegada das prestacións que precisan e merecen, cando esas equivalencias están demostradas”, afirmaron. Engadiron que resulta demagóxico que o Goberno considere inconstitucional este procedemento en Galicia e ao mesmo tempo o incorpore no anteproxecto de modificación da Lei de dependencia estatal.
As deputadas criticaron tamén “o constante boicot do Goberno central ás decisións adoptadas en Galicia”, como sucedeu recentemente coa Lei do litoral, e recordaron que o Executivo estatal debería centrarse en garantir os fondos necesarios para abonar os máis de 2.500 millóns de euros que debe a Galicia pola prestación da dependencia. “A pesar desta situación, a Xunta segue cumprindo coa atención aos nosos maiores e dependentes, como o demostra esta obra de rehabilitación que se está a realizar na residencia lucense de A Milagrosa”, concluíron.