O PP pregunta pola seguridade das pantallas táctiles instaladas en Lugo
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Beatriz Vázquez, pregunta ao BNG se aplicará ás pantallas táctiles que Méndez vén de instalar na cidade as mesmas medidas anticovid que impuxeron no MIHL.
Recorda Beatriz Vázquez que "o 75% dos recursos interactivos da exposición permanente do Museo Interactivo da Historia de Lugo non funciona e que nas dúas maquetas interactivas que hai neste espazo pode verse o cartel de fóra de servizo/out of service, sen esquecer que hai proxeccións e vitrinas que non funcionan e que a caixa negra para as proxeccións, que ten unha pantalla de 10 metros de altura, non se usa. Unha situación para a que Rubén Arroxo empregou como escusa que (e citamos textualmente a Rubén Arroxo): “Agradecémoslle ao PP que despois de 16 meses de pandemia se acheguen a unha sala museística municipal, dado que estes elementos, ao ser táctiles, levan desconectados dende entón por cuestións sanitarias. Agardemos que canto antes todo mellore e volvamos á normalidade para poder usalas”.
Unha situación ante a que Beatriz Vázquez pregunta ao vicealcalde "se desconectará tamén as novas pantallas táctiles instaladas por Lara Méndez para cumprir cos protocolos sanitarios que rexen no Concello de Lugo e para cumprir esas cuestións sanitarias que no seu día aludía Arroxo".
Beatriz Vázquez afirma que quere coñecer se era verdade o que dicía Rubén Arroxo, xa que "de ser así damos por feito que recomendará ou obrigará a Lara Méndez a apagar estas pantallas, senón está claro que mentía e simplemente era unha escusa para tapar a ineptitude do bigoberno".
A esto, dende o Concello responderon que "a finalidade desta iniciativa foi a de contribuír a fortalecer o tecido comercial, mellorar a súa competitividade e acadar un aumento das vendas a través da modernización dos equipamentos adaptados aos tempos que estamos a vivir, xa que se o Partido Popular se informara como é debido, sería coñecedor de que todas as pantallas contan cun cristal interactivo con protección antivandálica e tamén levan instalada unha lámina transparente e antimicrobiana, capaz de desactivar o 99% dos virus da superficie, de tal xeito que ademáis de axudar a dinamizar e impulsar o comercio e a hostalaría a través deste sistema, facémolo dunha maneira segura".
Así mesmo, dende o Concello concluíron "recomendamos ao PP que alo menos traballe algo máis porque neste caso só tiña que ler a nota de prensa que se enviou coa presentación das pantallas".