O PP preguntará no pleno cando asinará o alcalde o convenio para reurbanizar Serra de Meira

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao vindeiro pleno unha pregunta para coñecer cando prevé o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinar o convenio coa Xunta de Galicia que permitirá executar a reurbanización da rúa Serra de Meira.
Segundo lembran os populares, o pasado 14 de outubro de 2025 o rexedor mantivo unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na que o Concello trasladou a súa conformidade tanto co texto do acordo como co proxecto técnico previsto. Porén, varios meses despois daquela xuntanza, o convenio continúa sen formalizarse.
Desde o PP sinalan que non se comprende a demora na sinatura dun acordo que conta co financiamento garantido ao 100 % pola Xunta e que supón un investimento superior aos 1,1 millóns de euros. A actuación, subliñan, permitirá mellorar e ampliar unha vía considerada clave tanto para o barrio como para o conxunto da cidade.
Os populares inciden en que se trata dunha intervención necesaria, con fondos comprometidos e coa previsión de que poida saír a licitación no primeiro semestre de 2026, pero que segue paralizada pola falta de sinatura do convenio. Por este motivo, reclamarán no pleno explicacións sobre os motivos do atraso e esixirán maior transparencia e axilidade na tramitación.
A formación conclúe que Lugo non pode permitirse perder oportunidades nin acumular máis demoras en proxectos considerados estratéxicos para a mellora das infraestruturas urbanas.