O PP preguntará no Pleno se Lugo está preparado para a lectura remota de contadores intelixentes

LugoXa
Os populares acusan ao goberno local de manter o servizo da auga estancado e sen modernizar mentres seguen subindo os recibos
unidade-de-augas-Concello-de-Lugo
21 May 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao próximo Pleno unha pregunta para saber se o Concello de Lugo está tecnicamente preparado para a implantación da lectura remota dos contadores de auga intelixentes e se dispón xa dunha plataforma dixital capaz de recibir e procesar os datos de consumo dos fogares lucenses.

A concelleira popular, Silvia Colmenero, denuncia que os principais contratos do ciclo da auga levan caducados desde hai 14 anos, que a brigada municipal de mantemento está desmantelada, que as fugas e avarías tardan días en repararse, que a zona rural continúa sen acceso a abastecemento nin saneamento e que o sistema de reutilización de auga leva máis dunha década sen empregarse.

A preocupación do grupo popular agrávase a poucos meses de que entre en vigor a obrigatoriedade, imposta pola normativa estatal (Orde ICT/155/2020), de substituír todos os contadores con máis de 12 anos de antigüidade. O prazo, iniciado en 2020, rematará en outubro de 2025, e dende o PP critican que o goberno local segue sen dar unha resposta clara sobre se Lugo está preparado para cumprir con esta esixencia e para aproveitar as vantaxes dun sistema automatizado de xestión de consumos.

Colmenero lembra que Lugo arrastra dende hai anos problemas crónicos no servizo da auga: lecturas acumuladas, facturación por estimación, numerosas reclamacións veciñais e un sistema que, segundo afirma, xera incerteza e prexuízos económicos para os usuarios. A edil defende que a implantación da telexestión a través de contadores intelixentes permitiría realizar as lecturas de forma remota, sen intervención manual, reducindo erros e queixas e facilitando unha mellor xestión do servizo.

Desde o Grupo Popular tamén aseguran que seguen á espera de que o Concello lles facilite información detallada sobre cantos contadores hai pendentes de substituír en Lugo e cantos deles son de titularidade municipal.

⚙ Configurar cookies
0.16272115707397