O PP presenta alegacións a ordenanza de urbanismo para mellorar o problema das licenzas
O Partido Popular presentan máis de 30 alegacións á ordenanza de urbanismo para tentar que poida axudar a resolver o bloqueo de licenzas. Tras "estudar e analizar o borrador deste documento", Antonio Ameijide explica que "a proposta de Lara Méndez non resolverá o bloqueo na resolución das licenzas, polo que o Grupo Municipal Popular rexistrou un documento cunha trintena de alegacións consensuadas durante unha reunión de traballo cos profesionais do sector". Segundo Ameijide “queremos axudar a mellorar esta ordenanza e demostramos que somos o único partido que escoita sector e que estamos dispostos a traballar a escoitar e a acordar normativa”, apuntou.
Por iso dende o Partido Popular realizaron unha xornada de traballo cos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros industriais, técnicos industriais, agrónomos, de montes e a asociación de empresarios da construción para "repasar e analizar artigo por artigo a ordenanza e preparar conxuntamente alegacións para mellorala". Nesta reunión constataron que "foron o único grupo político que se sentou a abordar esta ordenanza cos profesionais afectados pola mesma" e din que "hai que escoitar a sector e para iso hai que traballar e non facer un copia e pega de normativas que xa estaban en vigor e que xa son de aplicación ao concello”, explicou.
Algunhos exemplos son os artigos 8 e 23 nos que o PP considera que "sería convinte incluír unha aclaración de cara a tramitación da ocupación de vía pública en caso de comunicacións previas, De xeito que non sexa preciso agardar á resolución favorable da comunicación previa para a solicitude e posterior autorización dunha ocupación de vía pública". "Se de acordo coa norma que rexen as comunicacións previas, a obra pode comezar aos 15 días da presentación da comunicación, aínda sen resposta favorable por parte do Concello, non parece lóxico que a ocupación de vía non se conceda ata que se emita licenza favorable ou autorización á comunicación previa" conclúe Ameijide.
Outra alegación corresponde co artigo 26 que di "presentada a solicitude e unha vez realizada a verificación documental, se esta non reúne os requisitos ou se a documentación está incompleta, requirirase á persoa interesada para que no prazo de 15 días, corrixa a falta ou achegue a documentación preceptiva, con indicación de que se non o fai, teráselle por desistida da súa petición". O PP considera que "a redacción parece un tanto inxusta para o administrado, quedando absolutamente desprotexido en caso que na resposta ao primeiro e único requirimento non cumpra todo o pretendido polos técnicos municipais. Calquera que coñeza o día a día do sector sabe da ambigüidade das normas en ocasións, que provocan diferentes interpretacións. Ter so unha oportunidade para responder deixaría desprotexidos aos administrados en caso de diferencia de criterios entre os profesionais na interpretación da norma".
Por outra banda "o prazo de 15 días, en certos requirimentos é un prazo case imposible de cumprir en función da envergadura dos cambios precisos e proponse que non se poida declarar a caducidade do procedemento dando unicamente unha oportunidade de responder ao administrado e en caso de requirimentos de gran calado no proxecto dar un prazo maior para os cambios".