O PP presenta o boletín 'CONTIGO LUGO', no que pon en valor a colaboración da Xunta no avance de Lugo

LugoXa
Con isto, o Grupo Municipal do PP rende contas do seu traballo e, ao mesmo tempo, reforza a súa conexión cos veciños e veciñas da cidade
propostas-do-PP-Lugo
20 Jan 2025

O Partido Popular de Lugo presenta o sexto número do seu boletín informativo 'CONTIGO LUGO', un espazo no que o Grupo Municipal do PP rende contas do seu traballo e, ao mesmo tempo, reforza a súa conexión cos veciños e veciñas da cidade.

Nesta edición, o PP destaca un logro clave para Lugo: a creación dun centro pioneiro en saúde mental no antigo edificio de ASPNAIS, un proxecto que xa formaba parte do seu programa electoral. A formación política subliña que "pasamos das palabras aos feitos, conseguimos unha dotación para Lugo, 80 prazas para un centro de día e residencial para persoas con esta doenza", o que, segundo o PP, supón un avance significativo no ámbito da saúde mental e reflicte o seu modelo de xestión, centrado nas persoas.

Ademais, o PP aproveita este boletín para agradecer a colaboración da Xunta no avance de Lugo e reafirmar o seu compromiso co benestar e o futuro da cidade. Na sección 'O QUE CONSEGUIMOS NO ÚLTIMO TRIMESTRE', o Grupo Municipal do PP destaca unha serie de proxectos clave que foron impulsados durante o último trimestre.

Entre eles atópanse a construción de 146 vivendas de promoción pública en Garabolos, unha inversión de 2,5 millóns de euros para impulsar dotacións sociais na Milagrosa e melloras na protección do patrimonio por valor de máis de 3 millóns de euros, con actuacións destacadas como a reparación dos problemas de humidade na Catedral.

Tamén se mencionan os avances na restauración do tellado da capela do Carme, o impulso da nova comisaría; aínda que, segundo o PP, aínda se está agardando a que PSOE e BNG expliquen como conseguirán a superficie necesaria para ela, e a recuperación dos lagos de Teixeiro, o camiño de acceso a Ruade e a senda peonil en Ombreiro.

Así mesmo, o PP resalta que Lugo volverá a ser sede do Mundial de Motocross en maio, e que mellorouse a conectividade cun maior número de autobuses cara a A Coruña e a Mariña, ademais dunha inversión de 500.000 euros para o Museo da Romanización.

CRÍTICAS AO GOBERNO LOCAL DE LUGO

Non obstante, o boletín tamén recolle as críticas do PP cara á xestión do goberno municipal, sinalando que os informes dos servizos encargados de velar pola legalidade no Concello afirman que se está incumprindo a lei de contratos. Segundo o PP, os informes indican que algúns responsables do goberno local chegaron a ausentarse durante dúas horas para que un asinara por outro. Ademais, a formación denuncia o baixo nivel de execución do plan de investimentos, que segundo os seus datos non alcanza nin o 17 %, o que, a xuízo do PP, demostra a falta de compromiso do goberno municipal co futuro de Lugo.

O boletín tamén aborda temas como o Centro de Saúde do Sagrado Corazón, onde o PP logrou que a alcaldesa rectificara a súa intención de localizalo fóra do barrio. En canto a urbanismo, o PP critica os longos prazos para a tramitación de licenzas, que superan o ano na zona urbana e os dous anos no rural.

Ademais, denuncian a falta de acción fronte a problemas como as reparacións de fugas de auga, debido ao desmantelamento da brigada e aos continuos parches no servizo. O PP tamén critica a falta de solucións á seguridade en barrios como a Milagrosa, onde, segundo o PP, minimízanse os problemas e prométense plans de rehabilitación por sétima vez.

En canto á falta de sensibilidade coas entidades sociais, o PP sinala que non se sacaron as bases das subvencións de concorrencia competitiva, e critica a falta de acción para crear aparcamento en barrios como Fontiñas, que seguen sendo moi demandados. Tamén critican que, no rural, non se facilitan terreos para a colocación de antenas e nin se aceptou a ampliación do convenio coa Xunta para mellorar o abastecemento en Esperante.

O boletín continúa coa crítica á situación dalgúns espazos públicos, como a Escola de Música, que segue pechada, o parque infantil López Mella, que está sen actividade, e a Banda de Música, que segue en declive a pesar do nomeamento dun novo director. Tamén se mencionan os problemas de mantemento nos centros educativos e a falta de regulación para utilizar os aparcamentos dos Institutos de forma segura, o que xeraría un entorno de convivencia coa comunidade educativa.

Finalmente, o PP lamenta a perda dunha achega de 9.000 euros para que a praza se converta nun Mercado de Excelencia, e destaca na sección "Accións na Rúa" a mellora do barrio da Residencia, un espazo que, segundo o PP, foi significativamente mellorado grazas á inversión da Xunta de Galicia. O PP amósase activo neste proceso, co obxectivo de revitalizar o barrio e enchelo de vida.

Na contraportada, o boletín fai un repaso do ano 2024 e do que consideran o "traballo que non se ve" realizado polo Grupo Municipal do PP, así como das accións conxuntas co Partido para seguir avanzando en Lugo.

0.17539882659912