O PP presenta unha emenda para evitar que o Plan de Mobilidade prevaleza sobre o PXOM

O Grupo Municipal do PP rexistrou unha emenda para cambiar o artigo 150.2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxecto de impedir que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible prevaleza sobre o PXOM. Así o comunicaron os representantes do Grupo Popular na Comisión de Contas cando se abordou o punto relativo á modificación do PXOM, que se someterá a votación no pleno do xoves e que o PP anunciou que apoiará.
A proposta busca que, no caso de existir incongruencias esenciais entre ambos instrumentos, non prevaleza automaticamente o Plan de Mobilidade sobre o PXOM, senón que se promova a correspondente modificación ou revisión formal do planeamento que resulte procedente para restablecer a coherencia urbanística. A nova redacción do artigo establece que “en ningún caso as determinacións do Plan de Mobilidade do Concello de Lugo poderán alterar por si soas as previsións do PXOM en materia de usos, reservas, estándares de aparcadoiro, dotacións, condicións de edificación ou ordenación urbanística, sen a correspondente modificación formal do planeamento urbanístico”.
A voceira popular, Elena Candia, destacou o traballo realizado, sinalando que algúns dos cambios foron solicitados e defendidos polo PP, como eliminar a obriga de esgotar a edificabilidade de fondos e alturas para facilitar rehabilitacións e ampliacións ou adaptar o planeamento á Lei do Solo. Segundo Candia, trátase de medidas “do máis razoable pero que chocan frontalmente co modelo de mobilidade que queren impor o PSOE e o BNG”.
O vicevoceiro popular tamén puxo en valor a adaptación do PXOM á lexislación urbanística vixente e a eliminación de referencias a figuras xa superadas pola normativa autonómica. O PP considera positivo que a modificación clarifique o réxime de fóra de ordenación e de incompatibilidade parcial, regule con precisión as obras posibles en edificacións existentes e actualice as condicións de edificación para incorporar solucións actuais, como aerotermia ou outras instalacións en cuberta.
Ademais, a formación popular salienta que a modificación resolve contradicións e baleiros que complicaban a tramitación de licenzas e proxectos, como a regulación de patios interiores, ventilacións, rasantes, plantas baixas, condicións estéticas e instalacións en fachada. Candia subliñou que estas melloras proporcionan maior seguridade xurídica, claridade técnica e unha aplicación máis áxil do PXOM.
A voceira concluíu que “o acerto deste traballo temos que circunscribilo aos técnicos, xa que o equipo de goberno demostrou que descoñece o contido do que se vai a aprobar”. Candia criticou que, fronte ao traballo técnico e rigoroso da modificación do PXOM, o goberno aprobe en quince minutos un plan de mobilidade que prevalece sobre o PXOM. Finalmente, recordou a importancia do urbanismo como instrumento de desenvolvemento da cidade, criticando a pouca preparación mostrada na comisión de contas.