O PP presenta unha moción para reclamar ao Goberno central o arranxo da N-540

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno que a Deputación reclame ao Goberno central “compromisos concretos” no arranxo da estrada N-540 para a que “so vemos promesas nos medios de comunicación pero ningún feito real”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “de nada nos vale os anuncios do Goberno do Estado de traballar no arranxo trala Semana Santa xa que non dan ningunha data nin explican por onde comezarán a traballar, polo que moito nos tememos que estamos ante outro anuncio carente de compromiso e traballo”.
Antonio Ameijide pregunta ao Goberno de Pedro Sánchez “onde están os máis de 10 millóns de euros anunciados para o arranxo desta estrada”, facendo énfase en que “polo de agora o único investimento que vimos os lucenses non chega nin a 200.000 euros en 2024 e os traballos de mantemento están parados dende xuño, salgo algún parcheo moi puntual, nun novo insulto a todos os lucenses”.
O voceiro popular insiste en que “urxe” o arranxo desta estrada, transitada a diario por miles de vehículos. “O plan de rehabilitación anunciado o ano pasado polo Goberno de Pedro Sánchez foi electoralista e insuficiente xa que precisamos o arranxo integral e inmediato desta vía, non un plan a máis de 3 anos”.
Antonio Ameijide afirma que “estamos ante un novo desprezo para os lucenses” xa que “o goberno de Mariano Rajoy contemplaba un plan de reforma desta estrada cun investimento de 20 millóns de euros, pero o Executivo central nin sequera o ten en conta xa que os socialistas da provincia miran cara outro lado”.
A N-540 a importancia desta estrada nacional para a vertebración da provincia “é fundamental” xa que se trata dunha vía que comunica vilas importantes do centro e sur da provincia como Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada ou Carballedo.
O estado desta estrada Nacional “é un novo exemplo do pouco que se fixo polo mantemento desta vía” supoñendo outra mostra “do abandono das infraestruturas titularidade do Estado na nosa provincia”.
Ademais, Antonio Ameijide recorda que a N-540 é a única conexión de Lugo coa Alta Velocidade ferroviaria, o que pon de manifesto “os constantes atrancos do Goberno central á construción da autovía A-56, fundamental para enlazar Lugo con Ourense”.