O PP presentará no pleno unha serie de peticións e preguntas sobre infraestruturas

LugoXa
O PP vén de rexistrar unha batería de 8 preguntas e rogos para o pleno de decembro con peticións cidadás e propostas para mellorar a eficacia de servizos municipais.
novo equipo goberno pp candia concello lugo
21 Dec 2023

O PP vén de rexistrar unha batería de 8 preguntas e rogos para o pleno de decembro con peticións cidadás e propostas para mellorar a eficacia de servizos municipais.

Entre as preguntas o PP inclúe petición de información sobre o auditorio de Magoi, "cando se cumpren 3 anos e medio dende que o Concello de Lugo é o seu propietario".

Piden que o goberno local clarifique se dispón de certificado final de obra asinado polo técnico titulado competente que acredite a conclusión dos traballos conforme ao proxecto de execución.

Tamén solicitan información sobre os plans do carril bici e sobre posibles modificacións. "Hai que lembrar que o carril bici eliminou centos de prazas de aparcamento en diferentes barrios da cidade sen dar alternativas aos afectados. Pasou un ano e cinco meses dende que se inaugurou, unha marxe de tempo suficiente para que o goberno local se pronuncie sobre se ten ten previsto cambiar o seu trazado e se vai a impulsar unha ordenanza para o seu uso".

Tras coñecerse o o informe do comité científico da Unesco que se opón ao proxecto para a zona de baño público do Miño, o PP pide a PSOE e BNG que se pronuncien sobre este documento e que aclaren a previsión que teñen para crear a praia fluvial.

"Tememos que esteamos outro verán máis sen praia pola falta de xestión de socialistas e nacionalistas", critican.

Afirman que "outro asunto enquistado polo déficit de traballo do goberno local" é o do impulso do novo centro de saúde do Sagrado Corazón e explican que dende o ano 2021 o Concello ten sen resolver a petición da Xunta para que poña a súa disposición unha parcela viable para poder facer esta dotación.

"Por este motivo queremos que nos aclaren: se está finalizado o acordo de permuta entre o Concello e Abanca?; de ser así, en que data se asinou e en que consiste o acordo? De no ser así, en que data se estima que estará asinado? Está prevista a parte que se vai ceder á Xunta para o centro de Saúde do Sagrado Corazón? Cando se prevé que será efectiva esa cesión?".

E, por último, sobre o barrio pregunta sobre os terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, se xa son titularidade do Concello, que se prevé facer coas pistas deportivas? Ten previsto o Goberno local abrilas en datas próximas para o uso dos veciños? Estudouse a posibilidade de abrir eses terreos para favorecer a accesibilidade dos edificios lindeiros afectados polas barreiras arquitectónicas do propio Concello?

ROGOS

Tamén presentaron algúns rogos. Solicitan que sexa gratuíta a expedición dos certificados acreditativos de prestacións sociais que se tramitan no Concello, documentación necesaria para persoas vulnerables preceptoras de rendas ou prestacións sociais. "Ademais da gratuidade é precisa unha xestión eficaz para axilizar a entrega destes certificados no menor tempo posible", engaden.

Reclaman tamén a creación dun Consello Municipal do Maior e dunha oficina para dar voz á poboación lucense maior de 64 que, nestes momentos, supón un 30% das persoas que residen no municipio. Explicaron que esta é unha demanda que vén reiterando dende hai tempo a Asociación de Xubilados e Pensionistas.

Que se leve a cabo a reparación da pista que comunica co lugar de Segade xa que presenta un estado lamentable con fochancas de gran tamaño que supoñen un risco para a seguridade vial é outra das demandas.

Por último piden unha mellora da publicidade e a difusión de eventos culturais, para o que propoñen unha batería de medidas como usar activamente as Redes Sociais e a publicidade, establecer alianzas con axencias locais, organizar eventos interactivo e promover concursos de ideas para involucrar á comunidade e mellorar o consumo cultural, etc.

PROPOSIÓNS

Ademais tamén incluíu catro proposicións comezando porque o Goberno local facilite a transformación de locais baleiros nos baixos de edificios de vivendas. "No Partido Popular somos partidarios de recuperar a edificación existente, e non malgastar os cartos dos lucenses en obras e edificios sen uso", din.

Tamén presentaron a moción para que o Foberno local estude a posibilidade de que as viaxes en autobús sexan gratuítas tanto para persoas menores de 18 anos como para xubilados, pensionistas e persoas con baixos recursos.

"O transporte gratuíto é un modelo que promove, con gran éxito, a Xunta de Galicia coas viaxes metropolitanas e que permite unha maior conectividade na nosa comunidade", afirman.

A terceira iniciativa é que se eliminen de forma progresiva os tapóns urbanísticos que hai na cidade priorizando aquelles considerados máis peligosos. "A supresión destas barreiras suporían a transformación de espazos que hoxe son barreiras para a cidadanía, contribuíndo a facer unha cidade máis accesible", afirman.

Por último reclaman que o Goberno Municipal inicie no ano 2024 os proxectos de abastecemento dos núcleos e parroquias do entorno dos depósitos de Penarrubia: O Veral, Santa María Alta, Adai e o lugar de Penarrubia.

0.19728016853333