O PP presentará un Plan Integral de Atención ás Persoas sen Fogar no vindeiro pleno
O Grupo Municipal do PP eleva ao pleno un rogo para que se cre un Plan Integral de Atención ás Persoas sen Fogar, que teña especial sensibilidade coa perspectiva de xénero.
Dentro deste programa inclúese a reactivación da Oficina Municipal de Voluntariado, para que entre as súas funcións poida servir de apoio aos servizos sociais municipais na xestión da reincorporación á sociedade das persoas sen teito axudándoas a restablecer o seu proxecto vital.
Dentro deste paquete de medidas tamén reclaman acondicionar un espazo que permita albergar ás mascotas dos usuarios cumprindo a normativa vixente e asegurando que ningunha persoa véxase obrigada a durmir á intemperie por non querer abandonar aos seus animais de compañía.
A concelleira popular Macamen López Silva explica que a resposta da administración local “está a ser moi xustiña tendo en conta que na cidade de Lugo atopámonos ante un incremento de xente que vive nas nosas rúas e que por diversos motivos non queren ou non poden acollerse aos servizos sociais ofertados polo Concello”.
Precisamente un dato que ratifica que a problemática dos sen teito cada vez vai a máis é o número de transeúntes que atendeu a Cruz Vermella nos escasos dous meses deste 2022. Foron 139 persoas das cales 20 eran mulleres; outro dato que marca unha nova tendencia é o perfil do transeúnte que cada vez é máis novo entre 40 a 45 anos. En canto á atención diaria en Cruz Vermella de transeúntes a cifra rolda entre as 20 e 30 persoas diarias.
López Silva conclúe pedíndolle ao goberno local que salga da súa zona de confort e que “plante cara á nova situación con este plan que lles propoñemos” xa que razoa “ademais do encomiable labor das entidades sociais fai falta unha maior implicación das administracións, neste caso a máis próxima debe esforzarse aínda máis para ofrecer unha resposta multidisciplinar na que non só se atenda ás principais necesidades das persoas sen fogar, senón tamén leven a cabo funcións de acompañamento na restauración do proxecto de vida das persoas sen fogar”.
A concelleira popular indica que “actualmente é tendencia en Europa cambiar o enfoque sobre o obxectivo das políticas sociais para mellorar a calidade de vida das persoas sen fogar xa que cada vez prima máis o enfoque orientado a evitar que existan persoas sen fogar e por este motivo propoñemos unha estratexia cun enfoque integral liderado polo goberno de Lugo”.