O PP propón a mellora dun tramo de Quiroga Ballesteros

LugoXa
O Grupo Popular pide ao bigoberno de Lugo que lle dea unha pensada á organización da mazá de Quiroga Ballesteros.
20 May 2021

O Grupo Popular pide ao bigoberno que lle dea unha pensada á organización da mazá de Quiroga Ballesteros e que “aproveitando a intervención que o bigoberno está facendo no primeiro tramo desta vía” solicitan que “se lle dea continuidade ata o final da rúa e se humanice o treito que une San Froilán e Bolaño Rivadeneyra”.

Antonio Ameijide indicou que esta ampliación da intervención para crear máis espazos peonís debe incorporar o Xardín dos Coios situado na traseira do Cuartel de San Fernando, na rúa Quiroga Ballesteros. “Este espazo inútil é pasto da maleza e do lixo e non invita aos veciños a usalo xa que é pouco acolledor para pasar un rato”. “Propoñemos crear unha área de xogos infantís combinada con zona biosaudable” apuntando que no casco histórico hai déficit deste tipo de instalacións “só dous parques infantís, no Cantiño e Campo Castelo, e cero áreas biosaudables”.

Os populares explicaban que a intervención consistiría en crear unha plataforma única “na que habería que habilitar e garantir unha amplia zona de carga e descarga e zona de servizos para recados e compras”. O concepto de servizos inclúe todo o preciso para manter a actividade económica dos negocios que hai na zona así como dos veciños afectando a actividades de mensaxería, reparto a domicilio, mudanzas, entre outros. 

O PP recrimina as queixas sobre o cobro da auga

"O 77% das queixas que presentaron os lucenses á Comisión de Suxerencias e Queixas deste mes de maio no Concello de Lugo son sobre as cobranzas excesivas porque non se leron a tempo os contadores", defendeu o viceportavoz popular Antonio Ameijide. "Neste mes, das 35 queixas rexistradas para a Comisión de mañá, 27 corresponden a este asunto; en abril houbo 49 veciños que pediron que se lles devolvese o cobrado de máis e, desgraciadamente, non vai acabar aquí o conto, a próxima comisión veremos novas peticións” manifestaba Ameijide.

O Partido Popular defende que leva meses advertindo de que se ía a producir unha avalancha de reclamacións xa que o desmantelamento do servizo por parte do PSOE provocou unha saturación do persoal incapaz de abarcar o traballo e a lectura correcta dos contadores.

0.1686007976532