O PP de Lugo propón activar unha unidade de violencia de xénero na policía local

LugoXa
Logo de 5 anos esperando a que se tramite a adhesión ao programa VIOGÉN e tras conseguir dous acordos de pleno por iniciativa do PP, os populares propoñen activar unha unidade de violencia de xénero na policía local.
7 Mar 2024

Logo de 5 anos esperando a que se tramite a adhesión ao programa VIOGÉN e tras conseguir dous acordos de pleno por iniciativa do PP, os populares propoñen activar unha unidade de violencia de xénero na policía local. Deste xeito, pretenden cambiar a situación en Lugo “a única grande cidade de Galicia que non se sumou ao VIOGÉN”, destaca o concelleiro Enrique Rozas.

Piden que se active “dunha vez por todas” a unidade específica de violencia de xénero que traballaría en colaboración co programa do Ministerio para proporcionar unha resposta coordinada e efectiva. Enrique Rozas indicou que levan a iniciativa a pleno porque “o Goberno socialista e nacionalista leva 5 anos dando largas para facer o trámite de adhesión a este protocolo do Ministerio do Interior”.

O concelleiro contradi as últimas declaracións de Ana Abelleira nas que intenta xustificar “a falta de vontade do goberno en participar neste programa”, manifestando que “se acabou o tempo das escusas e que só falen deste tema en campaña electoral ou cando se celebra algunha data significativa como a que se celebrará esta semana día da muller traballadora”.

Demandan máis axentes

Rozas tamén manifestou que o seu grupo político é consciente de que se necesitan máis axentes e cubrir todos os postos que aparecen na RPT municipal ata alcanzar o número de efectivos que recomenda a UE, que é de 1,8 axentes da policía local cada 1.000 habitantes, o que se traduce en que o concello debería ter entre 175 e 180 axentes. “Pero este factor era xa coñecido hai anos. Gobernar é decidir e para o PP é prioritaria esta unidade de  violencia de xénero”.

Para apoiar a súa demanda lembran os dous acordos de pleno, de outubro de 2019 e outubro de 2020, nos que aseguran que a corporación de forma unánime apoiou unirse a este sistema promovido no 2017 e do que forman parte dende hai anos o resto das grandes cidades de Galicia. Tachan de “moi diversas” as escusas para non tramitar a adhesión a este protocolo, sinalando entre elas a saturación dos funcionarios pola tramitación administrativa durante covid ou a falta de policías preparados “cando en xuño de 2022 se lles deu formación aos axentes”. Ademais, neste mandado levaron este asunto a comisión “ata en dúas ocasións sen que aclarasen prazos”.

0.19098210334778