O PP propón ao goberno local a reorganización do tráfico de Augas Férreas
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, aproveitando o Día Europeo da Mobilidade, fai unha proposta (xa aprobada en pleno, en setembro de 2016, a iniciativa do PP) para realizar un estudo de tráfico nas rúas das inmediacións da praza de Augas Férreas para avaliar a posibilidade de ampliar as prazas de estacionamento de vehículos.
Antonio Ameijide sinala que o entorno de Augas Férreas é, tradicionalmente, un dos puntos nos que máis complicado é estacionar, xa que se trata dunha zona na que hai numerosas vivendas e negocios que converten a esta zona nunha das máis dinámicas da cidade, con gran movemento de vehículos e poboación.
"Falamos de que nesta zona abundan as rúas de único sentido que, en moitos casos, contan con dous carrís de circulación (como poden ser as rúas Cantigas e Flores ou Círculo das Artes), polo que unha posible solución sería a eliminación dun dos carrís de circulación e a adopción de aparcadoiros en batería nunha das marxes xa que aumentaría notablemente o número de prazas de estacionamento dispoñibles. Non se trata de algo que acabamos de descubrir, se non dunha solución que xa se puxo en marcha noutros puntos da cidade, como o contorno do Hula”, sinalou.
Para o popular esta alternativa “é viable” xa que funciona noutros puntos da cidade e se vería apoiada pola recente reducción da velocidade a 30km/h en moitas rúas da cidade, algo que contribúe a que esta posible solución sexa viable.
"A realidade é que cómpre buscar unha solución para esta zona da cidade, xa que é un dos puntos nos que os veciños teñen máis complicado atopar prazas de estacionamento, sen olvidar que se trata dunha zona na que se concentra a maior parte dos estudiantes universitarios, ademais de contar coa sede da UNED, polo que o fluxo de circulación de persoas é constante", engaden.
Así propoñen medidas que se deberían de apoiar na creación de zonas específicas para o estacionamento de motos e bicicletas, algo que “non sabemos se será posible xa que tanto Méndez como Arroxo esqueceron que é fundamental que o carril bici chegue a todos os barrios da cidade, con consenso para evitar problemas como os de Marqués de Ombreiro e A Residencia".
Seguindo en materia de mobilidade, Ameijide lamenta que Arroxo e Méndez renuncien á gratuidade do transporte urbano para menores de 18 anos, parados, xubilados e familias con escasos recursos. "Se queren apostar pola mobilidade en Lugo e facilitar os desprazamentos é preciso ter empatía e recorda que se o BNG votou en pleno a favor da gratuidade do servizo para todos estes colectivos é imposible de entender o seu cambio de postura agora que pisan moqueta”.