O PP propón crear un convenio para o sector da limpeza no Concello de Lugo e na Deputación

LugoXa
O PP de Lugo propón iniciar o proceso de creación dun convenio colectivo propio para os traballadores dos sector da limpeza nas administracións municipais e provincial.
reunion_pp_cig_sector_limpeza
11 Mar 2024

O PP de Lugo propón iniciar o proceso de creación dun convenio colectivo propio para os traballadores dos sector da limpeza nas administracións municipais e provincial. A proposta do Partido Popular chega logo de que o sector, tras 130 días de folga, acadase un acordo do convenio provincial coa patronal “unha vez dado este paso cremos que é de xustiza que o Concello e a Deputación, cos mecanismos ao seu alcance, dean exemplo e fagan un convenio propio para as súas traballadoras ao igual que outras administracións”.

A proposta que se elevará a pleno, tanto en concello como na Deputación, é froito das reunións con representantes dos traballadores e conta co respaldo das centrais sindicais de UGT, CC.OO e CIG. Os grupos municipal e o provincial do Partido Popular presentarán iniciativas nos plenos de Concello e Deputación para instar a estas administración a iniciar unha negociación cos representantes sindicais do sector da limpeza e impulsar un acordo “que contemple melloras sociais e salariais para un colectivo que desempeña un papel fundamental no mantemento e a hixiene das instalacións públicas”.

Durante a folga do sector da limpeza os populares mantiveron xuntanzas cos representantes dos diferentes sindicatos para solidarizarse co persoal e máis prestarlles o seu apoio e trasladarlles a intención de presentar esta iniciativa comprometéndose a facela pública unha vez acadasen o acordo do convenio provincial. Entenden que cun convenio específico propio para as persoas que fan limpeza nos edificios públicos do Concello “se abordarían as necesidades e demandas particulares deste persoal”, puntualizando que “esta fórmula funciona noutras administracións como no servizo de limpeza da Xunta, nas dependencias do SERGAS ou na Universidade”.

Finalizar o contrato do servizo en Lugo

No caso do Concello de Lugo incorpórase outro punto de acordo á proposición que é demandar ao Goberno local a que se comprometa a finalizar o proceso de contratación vixente do servizo de limpeza de centros, dependencias e CEIPS do Concello de Lugo cunhas condiciones favorables para as traballadoras e os traballadores. Recordan que neste momento a empresa que presta o servizo de limpeza de centros, dependencias e CEIPS do Concello de Lugo ten o contrato caducado dende fai anos, e o novo contrato está en fase de valoración de ofertas económicas.

Na exposición de motivos desta iniciativa recórdase o papel fundamental que representaron as persoas que se encargaron da limpeza durante a crise sanitaria do Covid-19 subliñando que “lonxe de ser recoñecido, tratase dun sector moi precarizado no que o 95% das súas traballadoras son mulleres, un 80% cunha xornada a tempo parcial e cuns salarios ínfimos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19456100463867