O PP propón flexibilizar o PXOM para construír en parcelas pequenas
O grupo municipal do Partido Popular de Lugo vén de solicitar a modificación da ordenanza de “mazá pechada” e doutras disposicións urbanísticas que, na actualidade, obrigan a esgotar a edificabilidade e as alturas máximas dos terreos. Con esta iniciativa preténdese permitir a particulares e promotores privados levar a cabo construcións de xeito gradual, adaptándose ás súas posibilidades económicas e necesidades.
Segundo a normativa vixente, a ordenanza de mazá pechada establece alturas obrigatorias nas construcións de acordo cos planos do PXOM, o que obriga a maximizar a edificabilidade das parcelas acadando as alturas máximas. Desde o PP sosteñen que esta esixencia actúa como un freo para moitos lucenses, que non poden asumir o elevado nivel de investimento que require esta normativa, xa sexa por razóns económicas ou doutro tipo.
A proposta do grupo popular, que será trasladada ao pleno nun rogo ao goberno local, ten como obxectivo "facilitar a construción e fomentar o investimento". Destacan que a normativa actual disuade aos propietarios de acometer investimentos en pequenas parcelas.
Por iso, o Partido Popular solicita ao área de Urbanismo do Concello que modifique estas disposicións para que as obras poidan realizarse de xeito gradual e adaptadas ás posibilidades dos promotores.