O PP propón recuperar o antigo parque de enerxías do Ceao como aparcadoiro sostible

LugoXa
O Goberno local replica que o proxecto xa está redactado, conta con 450.000 euros consignados e acusa aos populares de intentar apropiarse dunha iniciativa municipal
PP-Parque-Enerxías-Alternativas-Ceao Lugo
12 Feb 2026

O grupo municipal do PP presentou unha proposta para transformar o antigo Parque de Enerxías Alternativas do Ceao nun aparcadoiro público sostible con puntos de recarga para vehículos eléctricos, cun investimento estimado en 420.000 euros. Segundo explicou a concelleira Silvia Colmenero, a actuación permitiría habilitar 84 prazas de estacionamento para vehículos lixeiros e xerar máis de 26.000 euros anuais de ingresos netos para as arcas municipais a través da produción de enerxía renovable e da venda de excedentes eléctricos, ademais dos servizos de recarga.

A iniciativa volve poñerse enriba da mesa despois de que en agosto de 2025 o PP reiterase a necesidade urxente de reconverter este espazo, atendendo ás demandas de traballadores e empresarios do polígono industrial. Colmenero cualificou a infraestrutura inaugurada en 2007, cun custo superior ao millón de euros, como un exemplo de “proxectos fracasados” e de mala xestión de fondos europeos, lembrando que durante o tempo que estivo operativa chegou a consumir máis enerxía da que producía. A edil incluíu este parque na mesma liña que outras actuacións como o carril bici, as Caldas do Miño ou o edificio Impulso Verde.

O proxecto presentado polos populares contempla a creación dun aparcadoiro cunha superficie superior aos 1.000 m² baixo cuberta, con dobre acceso desde as rúas Agricultura e Industria, acceso peonil desde a avenida Benigno Rivera e dous eixes viarios interiores, un bidireccional de seis metros para facilitar as manobras e outro unidireccional. Prevese reservar catro prazas para persoas con mobilidade reducida, instalar tres puntos de recarga eléctrica e colocar 366 paneis solares de alto rendemento.

A proposta inclúe tamén unha zona verde que ocuparía arredor do 50% da superficie para favorecer a integración paisaxística, así como iluminación eficiente, arborado e vexetación para reducir o impacto visual e adaptar o espazo aos novos modelos de mobilidade sostible. Segundo os cálculos expostos, a instalación fotovoltaica podería producir uns 235.000 kWh anuais, enerxía suficiente para realizar preto de 3.900 cargas completas de vehículos eléctricos ao ano. A concelleira sinalou que o investimento se amortizaría nun prazo de nove anos mesmo sen contar con subvencións, grazas ao aforro por autoconsumo e aos ingresos pola venda de electricidade e polos puntos de recarga.

CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, o Goberno local respondeu que resulta “dificilmente comprensible” que o PP presente agora como propia unha iniciativa na que, segundo aseguran, o Concello leva traballando máis dun ano. O Executivo municipal afirma que xa se realizou un estudo técnico de alternativas, se contratou a redacción do proxecto e que este se atopa actualmente en fase de revisión técnica previa á súa aprobación definitiva.

Ademais, lembra que no orzamento municipal deste ano se consignou unha partida específica de 450.000 euros para executar a actuación, documento que contou co voto en contra do Partido Popular. O proxecto, liderado pola Alcaldía, prevé un espazo de estacionamento ordenado e accesible, con reorganización completa da superficie, melloras na drenaxe e na pavimentación, sinalización horizontal e vertical e itinerarios peonís delimitados para reforzar a seguridade.

Os traballos inclúen tamén a retirada das estruturas dos paneis solares actualmente existentes no ámbito de intervención para liberar o espazo e permitir unha configuración máis eficiente do aparcadoiro. O Goberno municipal considera que a actuación dará resposta a unha demanda histórica do tecido empresarial do Ceao e critica o que cualifica como un novo intento de apropiación política dunha iniciativa que xa conta con planificación, respaldo orzamentario e desenvolvemento técnico avanzado.

⚙ Configurar cookies
0.083530902862549