O PP propón un ascensor panorámico e unha pasarela mecánica para conectar a nova Intermodal co centro

O Partido Popular de Lugo propuxo unha solución moderna, accesible e viable para superar o desnivel que separa a nova estación intermodal da Muralla, coa instalación dun ascensor panorámico e dunha pasarela mecánica cuberta que comunicarían directamente o barrio da Estación co centro histórico e comercial da cidade.
A proposta, presentada pola voceira popular Elena Candia, pretende salvar os 27 metros de altura e os 400 metros de distancia entre ambos puntos cun percorrido cómodo, funcional e ben integrado no entorno urbano.
A intervención contempla dúas infraestruturas principais: un elevador panorámico con capacidade para 12 persoas, que se situaría entre os edificios das rúas Alta e Miguel de Cervantes, moi preto dunha das saídas da nova estación, e que permitiría salvar un primeiro desnivel de 8 metros; e unha pasarela mecánica cuberta, dividida en cinco tramos de aproximadamente 32 metros cada un, que discorrería paralela á fachada dereita do edificio multiusos da Xunta. En total, o percorrido tería unha lonxitude de 175 metros cunha pendente do 12% ou lixeiramente superior, cumprindo cos criterios de accesibilidade universal.
O vicevoceiro popular, Ramón Carbarcos, explicou os detalles técnicos do proxecto, mentres que Candia subliñou que se trata dunha intervención que reflicte o modelo de urbanismo que defenden os populares para Lugo, “útil e centrado nas persoas”. Segundo indicou, esta solución permitiría integrar de forma efectiva a nova intermodal co casco histórico, mellorando a mobilidade e a calidade de vida dos veciños dos barrios da Estación, Sagrado Corazón e Paradai.
O orzamento estimado da actuación ascende a 3,5 millóns de euros e inclúe tanto a obtención dos terreos como a execución completa das obras. Para levala a cabo, sería necesario expropiar pequenas superficies situadas nas rúas Alta, Miguel de Cervantes, Ronda da Muralla e Castelao, pertencentes a cinco titulares distintos, incluída a propia administración autonómica.
Os populares tamén destacaron que esta proposta encaixa dentro dos criterios para proxectos de rexeneración urbana susceptibles de recibir financiamento europeo. En concreto, lembraron que dos 20 millóns de euros aos que opta a cidade, existe unha partida específica de 5,2 millóns destinada a actuacións de accesibilidade, polo que consideran que este proxecto podería incluírse sen dificultades nesa liña de axudas.
CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL
O Goberno local lembra que a conexión peonil entre a estación intermodal e o centro histórico de Lugo xa forma parte do Plan de Actuación Integral "Novo Norte", presentado publicamente o 13 de febreiro de 2025 e rexistrado tecnicamente dende maio de 2024 polos servizos municipais.
Esta actuación, incluída no proxecto LuCIdA (Lugo Cidade Integrada de Aproximación), prevé un sistema de mellora da accesibilidade que combina ramplas automáticas, ascensores e reordenación do espazo urbano entre a praza Conde Fontao e a rúa Miguel de Cervantes, e con unha rampla mecanizada que une esta última vía coa Rolda da Muralla a través dunha parcela sita na Rúa Castelao, coincidindo na totalidade coa proposta que o grupo municipal do PP presentou este martes.
O proxecto municipal contempla un investimento que supera os 5,4 millóns de euros, recollido na ficha técnica da estratexia EDIL que opta a financiamento europeo, cunha planificación xa en marcha e prazos definidos: 3 meses para a redacción do proxecto técnico e 18 meses de execución, unha vez concedida a subvención.
Desde o Goberno local considérase positivo que outras forzas políticas se interesen por mellorar a accesibilidade urbana, pero resulta sorprendente que se presente como unha “nova proposta” unha actuación que xa foi deseñada, avaliada e presentada publicamente hai tres meses e cuxa documentación técnica leva en proceso desde 2023, como mostra a súa última actualización asinada pola arquitecta municipal.
Nun momento no que Lugo aspira a captar fondos europeos para transformar de maneira real o espazo urbano, é importante recoñecer o traballo técnico e político xa desenvolvido. "A cidade non precisa réplicas oportunistas, senón cooperación leal para acadar os obxectivos comúns".