O PP propón unha acción conxunta para restaurar e protexer as pallozas de Piornedo

LugoXa
O obxectivo é colaborar para a restauración e protección das pallozas de Piornedo, danadas pola borrasca Herminia
Pallozas-do-Piornedo-neve-Cervantes
30 Jan 2025

O Partido Popular demanda que a Xunta de Galicia lidere e promova unha iniciativa colaborativa coa Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes para a restauración e protección das pallozas de Piornedo, danadas pola borrasca Herminia.

O portavoz do PP de Cervantes, Óscar Fernández, o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, e o representante do Goberno galego na provincia, Javier Arias, visitaron a aldea para comprobar os estragos sufridos polos teitos de palla destas construcións tradicionais dos Ancares.

Desde o PP sinalan que “preservar estas construcións é fundamental para manter viva a identidade das comunidades rurais da montaña de Lugo, así como para protexer un dos nosos tesouros etnográficos”.

Por iso, consideran imprescindible o compromiso e cooperación de todas as administracións fronte ao paso do tempo e as condicións meteorolóxicas adversas que ameazan estas edificacións.

As pallozas de Piornedo non só representan un valioso patrimonio cultural e histórico, senón que tamén constitúen un importante atractivo turístico, permitindo aos visitantes coñecer a forma de vida tradicional das zonas de alta montaña. Ademais, a súa localización na Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses reforza o seu valor como elemento de interese natural e etnográfico.

Os representantes do PP xa rexistraron unha iniciativa no Parlamento de Galicia e trasladarán a proposta ao Concello de Cervantes e á Deputación de Lugo para impulsar medidas concretas que garantan a conservación destas emblemáticas construcións.

0.19019985198975