O PP provincial critica o mal estado da LU-P-2408, en Guntín, e esixe medidas urxentes

LugoXa
“Os camións que dan servizo ás ganderías non poden circular con seguridade e terminan utilizando vías municipais, danándoas tamén”, explicou o alcalde de Guntín
Estado-ponte-LU-P-2408-PP
21 Jan 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian o “lamentable” estado de conservación do ponte situado na estrada provincial LU-P-2408, en Guntín, tras a visita da comitiva socialista á zona.

Segundo o portavoz popular, Antonio Ameijide, esta vía conecta Costañeira con Montecelo, pasando por Vilarcabreiro, e é clave para o acceso a varias explotacións agroganadeiras da zona.

Ameijide criticou que, a pesar de que os socialistas mostran preocupación polo sector agroganadeiro da provincia, non cumpren coas responsabilidades esenciais como o mantemento adecuado da rede de estradas provinciais. “A preocupación debe reflectirse tamén en garantir a seguridade das infraestruturas, como esta estrada, que está nun estado totalmente deteriorado e perigoso”, indicou.

O portavoz subliñou a urxencia de actuar nesta vía, destacando o grave deterioro dun ponte en curva no que é imposible que dous vehículos crucen ao mesmo tempo. Segundo Ameijide, a parte interior do ponte está afundida dende hai máis dun ano e presenta un serio risco de colapso. “O perigo é evidente: os condutores poderían caer ao regato que pasa por debaixo, pero socialistas e nacionalistas elixen mirar cara outro lado”, engadiu.

Pola súa banda, o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, sumouse ás críticas e reclamou o arranxo desta e outras estradas provinciais do municipio. “Os camións que dan servizo ás ganderías non poden circular con seguridade e terminan utilizando vías municipais, danándoas tamén”, explicou Pérez.

O alcalde insistiu en que a Deputación de Lugo debería asumir a súa responsabilidade, xa que dispón de maiores recursos económicos e técnicos para abordar estas reparacións. “Mentres tanto, os concellos facemos un esforzo enorme para manter as nosas estradas municipais en bo estado”, concluíu.

0.17643594741821