Representantes da Deputación de Lugo visitan as instalacións de Altri en Portugal

LugoXa
Antonio Ameijide explica que esta visita tivo como fin “comprobar de primeira man en que consiste o traballo que quere desenvolver esta empresa en Galicia"
visita-Deputación-de-Lugo-Altri
7 Nov 2024

Representantes da Deputación de Lugo están a visitar as instalacións de Altri en Portugal para coñecer en primeira persoa o funcionamento das fábricas e a súa integración na contorna no que están implantadas.

Trátase dunha visita institucional á que foi convidada toda a corporación da entidade provincial e á que asistiron finalmente deputados provinciais do PSdG e do Partido Popular, así como representantes da Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios de Lugo e da Asociación Galega para o Desenvolvemento Industrial Sostible, AGDIS.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que esta visita tivo como fin “comprobar de primeira man en que consiste o traballo que quere desenvolver esta empresa en Galicia. No PP mantemos o mesmo pensamento dende o primeiro minuto: se unha iniciativa empresarial, a que sexa, cumpre con toda a normativa vixente e obtén todos os permisos necesarios para iniciar a súa actividade, hai que permitir o seu asentamento e, senón cumpre, non se instalará”, explicou.

Ameijide recorda que tanto a lexislación europea como a española e a galega son “moi restritivas” polo que, se calquera iniciativa cumpre, hai que permitir o seu asentamento, sobre todo en provincias como a de Lugo, onde as oportunidades laborais para os mozos cada vez son máis escasas polo que “temos que traballar para que calquera persoa que queira iniciar o seu proxecto de vida en Lugo poida facelo”.

Os deputados populares ven como “un exercicio de responsabilidade” aceptar este convite para coñecer de primeira man o funcionamento desta empresa, así como ter a oportunidade de falar coas autoridades portuguesas para coñecer a convivencia da empresa no día a día do país con veciños, empresarios, asociacións ou co entorno.

 

0.17027401924133