O PP provincial pide á Deputación de Lugo a mellora e ampliación das estradas LU-P-4001 e LU-P-4002

LugoXa
Estas estradas son claves para a conexión coa A-54 e o Camiño de Santiago
PP-P-4001-LU-P-4002-Antas-de-Ulla
9 Apr 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular reclaman á Deputación de Lugo unha actuación urxente nas estradas LU-P-4001 e LU-P-4002, que conectan os concellos de Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei coa autovía A-54.

Consideran que estas vías, estratéxicas tanto para a mobilidade local como para o turismo, precisan unha mellora do mantemento e unha ampliación do seu ancho para adaptarse á crecente densidade de tráfico.

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, acompañado polo deputado e voceiro popular en Antas de Ulla, Javier Varela, o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, e os concelleiros de Palas de Rei, Amando Sande e José Ramón García, visitaron recentemente a zona e comprobaron o mal estado das vías, que precisan dun arranxo inmediato.

Ameijide destacou a importancia de actuar con rapidez: “Estas estradas son as principais conexións dos tres municipios coa A-54, polo que a súa mellora repercutirá directamente na seguridade e comodidade da circulación, tanto para os residentes como para os visitantes”.

Ademais, estas estradas coinciden parcialmente co trazado do Camiño Francés, unha das rutas máis transitadas polos peregrinos que se dirixen a Santiago. “O número de camiñantes que percorren estas vías ao longo do ano é bastante elevado, polo que é fundamental aumentar o ancho da calzada e habilitar cunetas practicables que permitan camiñar polas marxes con seguridade”, sinalou o voceiro provincial.

Os populares incluso propoñen a creación dun sendeiro independente, paralelo á estrada, sempre que sexa posible, co obxectivo de separar o tráfico rodado do tránsito peonil. “A afluencia de peregrinos polas distintas rutas da provincia segue medrando. Por iso, debemos extremar as medidas de seguridade e tamén ofrecer unha imaxe coidada aos que nos visitan”, concluíu Ameijide.

Desde o Grupo Provincial Popular insisten en que a actuación nestas dúas vías debe ser prioritaria para garantir a seguridade viaria, fomentar o turismo sostible e mellorar as comunicacións do interior da provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.16515207290649