O PP quere saber en que punto está o proxecto de Altri para lograr o financiamento europeo

LugoXa
Os deputados populares entenden que o Ministerio de Industria e Turismo debería concretar a data na que remitiu o expediente
altri-bosque
23 Ago 2024

Os deputados populares – Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades – veñen de solicitar información no Congreso sobre o estado no que se atopa a tramitación do expediente de Altri á Comisión Europea para a consecución de financiamento, unha vez que a Vicepresidenta segunda e Ministra de Traballo do Goberno vén de rexeitar publicamente o proxecto.

Neste sentido, o portavoz de Industria do PP no Congreso dos Deputados afirma con rotundidade que “se a ministra do emprego en España veu a Galicia como portavoz do Goberno para rexeitar o proxecto, o Ministro de Industria tería que dimitir xunto a ela”. A defensa da reindustrialización e creación de emprego de calidade na provincia de Lugo seguen sendo as prioridades do PP en materia industrial, tal e como sinalou o seu portavoz de Industria.

Os deputados populares entenden que o Ministerio de Industria e Turismo debería concretar a data na que remitiu o expediente do proxecto de Altri á Comisión Europea para a súa avaliación, e poder facilitar así o seu acceso ao financiamento con Fondos Next Generation EU. A este respecto, e no caso de que non se remitise, os populares queren saber cales son os motivos técnicos que levaron ao Ministerio de Industria e Turismo a non envialo despois de pasar máis de oito meses desde que dispón de toda a documentación presentada pola empresa.

Tras coñecer o rexeitamento do proxecto industrial por parte da Vicepresidenta segunda e Ministra de Traballo, os deputados populares amosaron tamén a súa preocupación sobre se o Goberno pode garantir a obxectividade e igualdade de trato neste proxecto. Os populares queren coñecer que responsabilidades ten a Vicepresidenta segunda e Ministra de Traballo no deseño e execución da política industrial, así como na selección de proxectos a financiar cos fondos Next Generation EU.

O proxecto promovido por Altri en Galicia, cun investimento de máis de 1.000 millóns de euros e a creación de máis de 2.500 empregos directos e indirectos, ten como obxectivo a produción de Lyocell, unha fibra téxtil de orixe natural, 100 % biodegradable. A produción desta fibra suporá unha nova forma de organización do sector téxtil promovendo un sistema de economía circular no uso da roupa, os téxtiles e as fibras.

O pasado 13 de decembro de 2023, o Ministro de Industria e Turismo confirmou a súa intención de impulsar e axudar á consecución destes proxectos, porque, segundo afirmou, “nos parecen interesantes e parécennos moi importantes para Galicia e tamén para España”. Incluso o propio Ministro recoñeceu que xa dispoñían da documentación técnica a partir da cal terían que dialogar coa Comisión.

0.21403098106384