O PP reclama a eliminación de vertedoiros incontrolados
O PP pide a eliminación de vertedoiros incontrolados, saneamento, melloras de sinalización e limpeza de pistas en varias parroquias na Comisión de Medio Rural.
A concelleira do PP Flor Rubinos solicita que “se eliminen os vertedoiros incontrolados da zona rural e reclama unha maior vixilancia para evitar a súa proliferación”.
Os populares lamentan que pola permisividade do goberno local “cada vez haxa máis particulares que evaden os sistemas de xestión de residuos e opten por acudir á zona rural onde deixan todo tipo de residuos a ceo aberto, cos consecuentes prexuízos para o medio natural”.
Dende o PP alertan que se non se atalla esta práctica estarían incumprindo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible relacionado coa vida de ecosistemas terrestres.
Os populares poñen dous exemplos de depósitos de lixo ilegais o que está no Monte de Toire situado no linde da parroquia de Benade con Muxa onde hai rodas, cables, restos de plásticos e escombros e prendas de roupa espallar nunha ampla zona. O outro punto emblemático con desperdicios á beira da estrada está situado na parroquia de Bóveda.
Flor Rubinos reflexionaba que o goberno local “lonxe de protexer os intereses da veciñanza das parroquias e o gran valor natural que hai no municipio, permiten, coa súa pasividade, estas actividades ilícitas, que en moitos casos xeran un perigo enorme para os veciños e o entorno, xa que son focos potenciais de incendios e de contaminación ao medio".
SANEAMENTO E SINALIZACIÓN PONTE DE PIÑEIRO
Flor Rubinos, a modo de recordatorio, reclama ao Goberno local que cumpra coa palabra dada o 30 de abril de 2022 cando a alcaldesa nunha reunión coa veciñanza do barrio de Piñeiro en Muxa "adquiría o compromiso de que dotaría a este núcleo dos servizos de saneamento e abastecemento".
Hai que lembrar que a maior parte das parroquias de Lugo carecen destas prestacións incumprindo a norma sobre auga limpa e saneamento.
Dende o Grupo Popular tamén presentan unha petición relativa á mellora da seguridade vial no lugar de Piñeiro na parroquia de Muxa. Solicitan a sinalización dunha ponte que non ten ningunha protección e supón un risco para peóns e condutores.
LIMPEZA DE PISTAS
Dende o PP tamén reclaman que de forma urxente se faga o mantemento da pista do lugar de Ribas do Miño na parroquia de San Mamede onde cada vez que chove a auga arrastra o grixo e lles entra ás casas. Ademais das molestias que ocasiona a situación da pista supón un perigo para a seguridade viaria.