O PP reclama a reposición do miliario da Praza de Armanyá

LugoXa
O PP reclama unha resposta inmediata por parte do goberno local para garantir a recuperación deste símbolo histórico
Monolito-Armanyá-Lugo
29 Mar 2025

O Partido Popular de Lugo esixe ao goberno local a reposición do miliario da Praza de Armanyá, retirado hai 63 días despois de ser derrubado por un vehículo.

O concelleiro popular Agustín Gallego denuncia que a ausencia deste monolito transmite "unha imaxe de abandono que a cidade non merece" e evidencia "a desatención do goberno local cara ao noso patrimonio histórico".

O pasado 25 de xaneiro, un vehículo derrubou este miliario de bronce de 2,5 metros de altura, instalado hai 17 anos como recordo da importancia de Lugo na época romana e das antigas vías XIX e XX do Itinerario Antonino. A peza foi retirada por operarios municipais, pero, transcorridos máis de dous meses, segue sen reporse e sen unha data prevista para a súa reinstalación.

"Os pequenos detalles, como a pronta reposición dun miliario, son os que contribúan a construír unha cidade que respecta e valora a súa historia. Non podemos permitir que a deixadez do goberno local empañe a riqueza cultural de Lugo", subliña Gallego.

Ante esta situación, o concelleiro popular anunciou que presentará preguntas na comisión correspondente para esclarecer os prazos previstos para a reposición do miliario, as razóns da demora na súa reinstalación e a ubicación actual da peza.

"A falta de mantemento do patrimonio histórico non é un caso illado. A poucos metros da Praza de Armanyá, as ventás arqueolóxicas da rúa Doutor Castro presentan un estado de conservación mellorable. A pesar das intervencións previas para a súa reparación, a ausencia dun mantemento constante pon en risco a correcta exposición dos restos arqueolóxicos da cidade", critica.

O PP reclama unha resposta inmediata por parte do goberno local para garantir a recuperación deste símbolo histórico e para asegurar un adecuado coidado do patrimonio de Lugo, fundamental para a identidade e a memoria da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.10361194610596