O PP reclama ao Goberno aclarar se Lugo contará cun servizo de cercanías ferroviarias

Os senadores do Partido Popular de Lugo presentaron no Senado unha iniciativa para esixir ao Goberno central que aclare se existe un estudo encargado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible co obxectivo de avaliar a implantación dun servizo de cercanías ferroviarias na provincia. A formación quere saber tamén se hai unha data prevista para coñecer as conclusións dese plan ou, no seu defecto, os motivos polos que Lugo quedaría excluído deste tipo de proxectos.
A iniciativa chega despois do recente anuncio do ministro Óscar Puente, quen, segundo os populares, non concretou ningunha medida específica para a provincia. Os representantes lucenses denuncian a “falta de compromiso do Goberno de Sánchez coas infraestruturas ferroviarias de Lugo” e reclaman máis claridade sobre os plans do Executivo nesta materia.
Desde o PP lucense aseguran manter unha postura escéptica, lembrando que “con Sánchez Lugo sempre saíu perdendo, como cando anulou as variantes previstas por Rajoy, condenando a ser a única provincia sen AVE”. Engaden que Lugo continúa á marxe do Corredor Atlántico de Mercadorías, non recuperou as frecuencias recortadas antes do verán nin os servizos suprimidos durante a pandemia.
Ademais, subliñan que a provincia “conta cunhas das peores conexións ferroviarias de España”, con poucas frecuencias e horarios que impiden realizar xestións en Madrid no mesmo día, así como sen recuperar a conexión co País Vasco e o tren-hotel a Barcelona.
Por iso, os senadores convidan ao Goberno de España a traballar en serio por “garantir servizos de calidade aos lucenses” e conclúen que “o que pedimos é o que é xusto: non mentir nin facer falsas promesas, senón garantir un servizo propio do século XXI. Non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco podemos aceptar que se nos trate de menos”.