O PP reclama ao Goberno que deixe de “mentir” aos cidadáns sobre os prazos para a reconstrución do viaduto do Castro

LugoXa
O senador popular por Lugo, José Manuel Balseiro, cuestiona cada nova data que ofrece o ministerio que encabeza Puente para a reapertura do viaduto
José Manuel Balseiro na Comisión
20 Nov 2024

O senador popular por Lugo, José Manuel Balseiro, reclama ao Goberno que deixe de “mentir” aos cidadáns sobre os prazos para a reconstrución do viaduto do Castro, entre Galicia e Castela e Léon, e urxe para que o finalice.

Así o explica o dirixente do PP tras preguntar ao titular da carteira de Transportes e Movilidad Sostible se dispón xa das conclusións definitivas sobre as causas do esborralle do viaduto, poucas semanas despois da finalización das obras de emerxencia encargadas polo seu Ministerio.

O viaduto, entre as provincias de Lugo e León, sufriu un esborralle en xuño de 2022 e aínda non se reabriu ao tráfico, a pesar de ter unha antigüidade menor a 25 anos. Ademais dos atrasos nunha infraestrutura vital para a zona, o senador galego reprocha ao ministro que “non foron capaces de recuperar a circulación normal por esta autovía, só está un carril operativo dos 5 que tiña”, á vez que lle afea que o seu Goberno non foi “capaz de ofrecer unha alternativa viable”.

Así, Balseiro lembra que o desvío inicial e o actual “non reúnen as condicións necesarias” para o nivel de tráfico que soporta, do mesmo xeito que denuncia as longas retencións que sofren veciños e condutores e, por se non fose pouco, os vehículos pesados “nin tan sequera poden circular”. Ante esta situación, o dirixente do PP asegura que a A-6 é unha infraestrutura “esencial para Galicia, pero non é unha prioridade para o Executivo central”.

Ademais, desde o PP acusan o Goberno de mentir: “Cada vez que o Goberno daba un prazo sobre a reconstrución, mentía”, por iso Balseiro cuestiona cada nova data que ofrece o ministerio que encabeza Puente para a reapertura do viaduto.

Ademais dos atrasos que sofre este viaduto, o senador lucense critica a falta de mantemento que sofren as estradas galegas, como as nacionais 642 e 120. “Fixeron de Lugo e de Galicia unha terra abandonada polo PSOE”, apostila.

“A falta de competencia do Goberno de Sánchez fíxonos retroceder máis dun século no que a infraestruturas se refire. Deixen de maltratar a Galicia”, recoñece Balseiro para concluír.

0.17100501060486