O PP reclama manter a parada de autobús en Baralla para evitar o illamento do municipio

A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo trasladou ao alcalde de Baralla, Miguel González, o seu apoio para reclamar ao Goberno central que manteña a parada de autobús neste municipio lucense.
Amigo alertou de que arredor de 850 usuarios de Baralla perderán o acceso a un servizo esencial como é o transporte público por estrada, o que condenaría ao municipio ao illamento.
A deputada rexeitou a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de suprimir 87 paradas de autobús nunha vintena de municipios rurais galegos, afectando a máis de 130.000 galegos e galegas que utilizan este servizo diariamente.
Durante o seu encontro co alcalde, Encarna Amigo lembrou que o Partido Popular presentou no Congreso unha iniciativa para instar ao Goberno a retirar a proposta do novo mapa de transporte público por estrada e restituír as paradas eliminadas, proposta que non foi apoiada polos deputados socialistas.
Amigo denunciou o abandono institucional ao rural galego por parte do Executivo central, sinalando que mentres se fala de cohesión territorial, aplican medidas que expulsan á poboación do interior.
A deputada reafirmou o compromiso do PP co medio rural e os dereitos dos seus habitantes, insistindo en que a mobilidade é un dereito básico, non un luxo, e non permitirán que se deixe fóra aos veciños das rutas estatais de transporte público.