O PP reclama o arranxo das estradas provinciais do Corgo
Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a realizar as súas xuntanzas periódicas de traballo, nesta ocasión no concello do Corgo, reunión na que tamén participou o alcalde desta localidade, Felipe Labrada.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “puidemos comprobar xunto ao alcalde como a Deputación, ao igual que no resto da provincia, non mantén as súas estradas ao seu paso por este municipio, provocando situacións de perigo para os condutores”.
De igual modo, lamentaron o abandono ao que teñen sometido o Paseo do Miño no Corgo, “sobre todo dende a zona do Chamoso”, que é o punto no que comeza neste municipio. “É unha mágoa que unha zona verde creada hai tantos anos por un goberno do PP e que é empregada a diario por centos de lucenses estea abandonada á súa sorte, chea de maleza, co camiño sen coidar e cos accesos en condicións más que mellorables”, lamentou.
Os deputados populares enmarcaron esta xuntanza de traballo dentro das reunións programadas por toda a provincia, “unha política de deslocalizar as reunións de traballo e así poder valorizar a riqueza da provincia”.
“Seguimos a demostrar que se pode apostar polo trato igualitario na provincia, aproveitando ademais para convidar ás mesmas aos alcaldes e voceiros da zona para coñecer máis de preto as necesidades de cada zona e comprobar os deberes pendentes do goberno provincial cos veciños de cada municipio”, explicou.