O PP reclama o arranxo urxente de Fermín Rivera e outras melloras para o barrio da Ponte
O PP de Lugo mantivo unha reunión coa veciñanza do barrio da Ponte, na que acordaron pedir o arranxo urxente de Fermín Rivera, "un compromiso adquirido polo goberno local".
No caso do barrio da Ponte consideran prioritario que se arranxe a rúa Fermín Rivera, unha vía de 730 metros de lonxitude que parte da intersección coa estrada vella de Santiago e que remata nas proximidades da igrexa de San Lázaro, xunto á pasarela do Miño. A vía ten un importante nivel de tráfico e tamén é utilizada polos peregrinos que fan o Camiño e está en moi mal estado e faltan beirarrúas.
Un asunto que tamén enfada á veciñanza, di o PP, "son as avarías de auga que deixan sen servizo tanto ao barrio como a zona de Orbazai, dándose o caso de ata catro roturas simultáneas en catro metros na estrada vella de Santiago".
Na xuntanza que se celebrou no local veciñal trasladaron varias peticións para mellorar a seguridade viaria do barrio, como bandas redutoras en Pena de Mula (comprometidas polo goberno local en decembro); limpeza da maleza en rotondas que impiden a visibilidade; facer beirarrúas dende o Aniceto ata o Cemiterio de San Froilán e instalación de cámaras para control de tráfico no acceso á Calzada da Ponte.
Os residentes no barrio tamén reclaman unha marquesiña de bus en Álvaro Cunqueiro e a reparación da varanda que hai nesta rúa e que está esnaquizada.
A voceira do Grupo Popular reflexionaba que “a pouca implicación de socialistas e nacionalistas no barrio da Ponte se repite noutras zonas do concello” precisamente o luns o Grupo Popular reunirase coa veciñanza da zona de Magoi, Augas Férreas e Fingoi será ás 20.00 horas no local da parroquia do Bo Pastor.