O PP reclama o desbroce e a recuperación integral do Paseo do Rato

O Partido Popular esixe ao goberno provincial da Deputación de Lugo que acometa de inmediato o desbroce e a recuperación integral do Paseo do Rato, unha das zonas verdes máis frecuentadas polos lucenses para pasear e facer deporte. O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, xunto á concelleira popular Flor Rubinos e varios veciños da zona, revisou o estado do paseo á altura de Paradai, onde denunciaron o abandono e a invasión de maleza que afecta tanto aos camiños como ao mobiliario urbano.
Ameijide alertou de que hai parcelas, de titularidade provincial, que noutro tempo se mantiñan en bo estado grazas ao labor da Deputación, pero que agora foron deixadas ao abandono. Durante a visita, comprobaron como a maleza supera o metro e medio de altura en varios puntos, ocultando bancos, papeleiras e mesmo dificultando o paso pola senda. "Un espazo destinado ao lecer e ao contacto coa natureza está a converterse nun incordio", lamentou.
O portavoz popular tamén criticou o estado dos hortos urbanos situados nesta área, cualificándoos de “moreas de maleza” e reclamando que se devolva a súa utilidade orixinal como espazos de cultivo veciñal. “Que pensa facer o goberno da Deputación con estes hortos?”, preguntou.
Ademais, lembrou que os efectos da borrasca Olivier seguen sen resolverse, malia os dous anuncios feitos polo presidente da Deputación, José Tomé. “Os camiños seguen en estado lamentable e os usuarios ven obrigados a buscar alternativas para continuar o paseo ou a actividade deportiva”, afirmou Ameijide, quen urxe ao Executivo provincial a actuar con urxencia para devolver este espazo natural ás condicións axeitadas para o seu uso cidadán.