O PP reclama unha decisión clara sobre a futura praia fluvial de Lugo

LugoXa
O PP de Lugo, da man da concelleira Elena Candia,  pide "traballo" para que este verán os lucenses non volvan quedar sen praia fluvial.
2 Xan 2024

O PP de Lugo, da man da concelleira Elena Candia,  pide "traballo" para que este verán os lucenses non volvan quedar sen praia fluvial.

Os populares afirman que solicitaron en sesión plenaria, a través dunha iniciativa en pleno, información sobre o futuro da praia fluvial do Miño e a contestación que recibiron desvela que “non saben o que queren facer con respecto a esta infraestrutura”

O voceiro do goberno local, Miguel Fernández, dixo que “ou ben iniciarían accións legais para determinar si a negativa da Xunta colisiona legalmente coa autorización previamente outorgada; ou ben reformularían o proxecto inicial a fin de solicitar novamente a instalación ou iniciarían os trámites para a implantación nunha nova situación”.

Esta consulta en pleno fíxose logo de coñecerse o ditame contrario da UNESCO que consideraba a situación proposta polo bipartito para esta zona de baño público “como un lugar inseguro para os bañistas, que prexudica o medio ambiente e que pon en perigo as outras declaracións de patrimonio da humanidade”.

Dende o Grupo Popular aclaran que ademais da protección ao medio ambiente outra preocupación é a da seguridade dos bañistas e, nese senso, achegan unha proba gráfica realizada en setembro na zona de baño pública elixida polo PSOE que acredita que ten pouco calado.

ANTECEDENTES

No ano 2011 a Deputación Provincial inicia os trámites para a execución do proxecto de construción de pantaláns para a zona de baño no río Miño, na contorna do tramo fluvial de Los Robles.

Hai unha resolución do ano 2016 da CHMS na que se indica que “se declara desistida a solicitude para autorizar a zona de baño no Miño” porque na Deputación, onde Lara Méndez era a vicepresidenta, en 5 anos non achegou a documentación que se lle requirira para este proxecto.

“Lugo merece que se materialice esta dotación tras 21 anos de bipartito, e 14 anos de promesas incumpridas” e debido á ambigüidade do goberno local sobre este asunto o Grupo Popular presentará unha proposición para o pleno de xaneiro coa que “queremos dar un impulso definitivo a un proxecto longamente esperado pola veciñanza de Lugo”.

0.20008897781372