O PP reclamará no Senado a chegada do AVE e dos trens Avril
A presidenta, Elena Candia, os senadores – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano –, a deputada nacional, Cristina Abades, alcaldes e portavoces da provincia déronse cita diante a estación de tren da cidade de Lugo para denunciar “o agravio á nosa provincia en materia de infraestruturas ferroviarias” recordando que “Lugo é a única provincia de Galicia” sen AVE e sen trens Avril.
Os populares destacan que para que cheguen o AVE e os trens Avril á provincia “é imprescindible” a construción das variantes de Os Peares-Canaval e Rubián e acometer melloras no trazado que permitan a circulación a alta velocidade no novo material rodante (trens Avril). “Estas variantes son imprescindibles para garantir que os trens poidan circular a alta velocidade”, afirmaron.
Os proxectos destas variantes xa se presentaran polo ex ministro Íñigo de la Serna é o único que fixeron dende o PSOE en Madrid foi “anulalos” o que “nos condena á provincia a quedar fóra do AVE”.
Dende o PP lucense chaman unha vez máis a atención sobre o “illamento” ao que o Goberno de Pedro Sánchez somete á provincia en materia de infraestruturas de comunicación. “Os lucenses non estamos en igualdade de condicións que o resto de galegos como as nosas empresas tampouco poden competir en igualdade de condicións”, sinalaron.
No PP de Lugo amosan unha fronte común “ante esta discriminación” coa provincia porque “nos afecta a todos” e “non podemos permitir seguir perdendo competitividade e servizos polas decisións do PSOE en Madrid”.
CONTESTACIÓN DA SUBELEGADA
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, afirmou esta mañá que “nunca un Goberno investiu tanto en Lugo como o actual en materia de infraestruturas, algo que resulta evidente se nos imos aos datos”.
Así o asegurou Rodríguez en alusión ao anuncio de presentación de iniciativas con motivo da alta velocidade na provincia por parte dos senadores do PP lucense, respostando que “atopamos no seu día unha vía sen electrificar e estamos a investir 550 millóns de euros en modernizar o eixo ferroviario Lugo-Monforte-Ourense, ademais de apostar como nunca antes pola alta velocidade, con 30 millóns para a Intermodal de Lugo”. Ademais, engadiu que “foi este Goberno o que deu un impulso histórico á rede estatal de estradas da provincia, con máis de 330M€ nos últimos catro anos, e aprobando nos últimos meses outros 17,7 millóns para conservación e mantemento de estradas”.
A subdelegada asegurou estar “recuperando o tempo perdido en materia de infraestruturas, por iso non comprendemos a actitude dos que tratan de cuestionar e poñer paus nas rodas en lugar de facerse cargo das súas competencias e deixar traballar ao Goberno”. Neste senso, defendeu que “mentres uns se dedican a sinalar e reclamar actuacións polas que non se preocuparon nos seus mandatos, outros aportamos solucións aos problemas; agardamos que o PP asuma as súas responsabilidades nas institucións e deixe de colocarse permanentemente como oposición ao Goberno de Pedro Sánchez”.
Finalmente, a subdelegada lembrou que “estamos a sacar adiante proxectos fundamentais para o desenvolvemento socio-económico e a mobilidade da provincia, cousa que eles, cando tiveron ocasión, non fixeron”. Ademais, lamentou “a falta de rigor dos senadores e representantes do PP de Lugo á hora de negar a evidencia, pois tamén nos gustaría que reivindicaran coa mesma forza as débedas da Xunta con Lugo, que se poñan a traballar con seriedade e que abandonen a política do ruído”.