O PP reivindica en Friol que Galicia "é o mellor lugar para formar unha familia"

O Partido Popular de Galicia reivindícase como “o partido das familias” e enxalza á nosa Comunidade como “o mellor lugar para nacer, crecer e formar unha familia” grazas ás medidas de apoio “pioneiras” e “únicas en España” impulsadas por parte do Goberno de Alfonso Rueda.
Coincidindo co Día da Familia, diversos representantes do partido desprazáronse ata Friol para poñer en valor que “Galicia ofrece máis apoio ás familias que calquera outra comunidade autónoma de España”. O grupo estaba formado pola secretaria xeral Paula Prado, o vicesecretario de Familia e portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, o vicesecretario de Concellos Rurais e alcalde, José Ángel Santos, o deputado autonómico e concelleiro, Enrique Barreiro, e outros representantes do partido na provincia de Lugo.
A número dous dos populares galegos manifestou o seu orgullo de que Galicia sexa pioneira e referente a nivel nacional e europeo nas medidas de apoio á familia, como foi coa aprobación da primeira Lei de impulso demográfico a nivel nacional ou ao ser a primeira e única Comunidade en ofrecer educación gratuíta desde os cero anos ata a universidade. Ao que habería engadir ademais que Galicia é ademais a comunidade autónoma con máis vantaxes fiscais para as familias.
“Galicia é o lugar perfecto para nacer e medrar en igualdade, para recibir unha educación de calidade gratuíta, para gozar dunha excelente sanidade pública, para formar unha familia e para que cada persoa, nova ou maior, teña a oportunidade de vivir feliz”, concluíu Paula Prado apuntando a que o Goberno galego tamén está ao carón dos maiores.
En contraposición, lamentou, o Goberno central “fai oídos xordos no que a cumprir cos seus compromisos se refire”, xa que “deixou atrás a gratuidade das escolas infantís ou as axudas a dependentes” e “xa hai tempo que Pedro Sánchez deixou atrás Galicia”.
O EXEMPLO DE FRIOL
A elección de Friol para conmemorar o Día das Familias non foi casual, xa que, nun momento no que nos preguntamos se é posible vivir no rural e do rural, Friol decidiu dar un paso adiante para darlle a volta aos datos e estao conseguindo.
A secretaria xeral do PPdeG destacou así que en 2024 naceron en Friol 29 novos veciños e veciñas e este ano xa van 11. Do mesmo xeito, o concello leva tres anos seguidos co padrón en aumento e mostra disto é que o actual Punto de Atención á Infancia (PAI) vaise converter nunha escola infantil onde poderán matricularse preto de 57 nenos, grazas a unha achega da Xunta de 190.000 euros.
Así o destacou tamén o propio alcalde, José Ángel Santos, poñendo en valor as medidas impulsadas desde o propio Goberno local para favorecer o asentamento de poboación no rural e especialmente de xente nova. “Por cada novo nacemento, o Concello ofrece unha axuda económica que vai acompañada a maiores dun lote de produtos de primeira necesidade”, explicou.