O PP solicita a convocatoria da Xunta Local de Seguridade de Lugo para o uso público dos aparcadoiros

O Grupo Municipal Popular de Lugo demandou a convocatoria da Xunta Local de Seguridade no prazo máis breve posible para aprobar o convenio entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia que permitirá a apertura do aparcadoiro do IES Virxe dos Ollos Grandes en horario compatible coa actividade lectiva.
O pasado 26 de setembro, o Pleno do Concello de Lugo aprobou unanimemente a necesidade deste convenio para habilitar este espazo como aparcadoiro público fora do horario lectivo. Porén, o Concello enviou á Xunta o borrador do convenio catro meses despois, o 23 de xaneiro deste ano. Tras recibir este documento, a Administración Autonómica respondeu á petición en sete días, remitindo ao Concello, o 31 de xaneiro, o documento coas modificacións pertinentes para facilitar a súa tramitación e aprobación.
Así, desde o Goberno local de Lugo informaron de que a aprobación do convenio debe contar coa validación da Xunta Local de Seguridade, motivo polo que os populares demandan, por escrito, a súa convocatoria.
A portavoz do Grupo Popular, Elena Candia, subliñou a importancia de seguir avanzando en proxectos que melloren a mobilidade na cidade e que beneficiarán aos lucenses. "Apertura deste espazo suporá unha mellora importante para a mobilidade na cidade e estamos convencidos de que, coa colaboración de todas as partes, este trámite pode resolverse con axilidade", destacou Candia. A portavoz popular tamén lembrou que “deste xeito, estariamos dando cumprimento á vontade expresada de forma unánime no Pleno Municipal de setembro”.
A iniciativa busca, ademais, ampliar as prazas de estacionamento nunha zona de alta demanda, mellorando así a infraestrutura de mobilidade en Lugo.
O Grupo Popular amosou a súa total disposición para colaborar na axilización do proceso e solicitou que se reaccione de maneira rápida para facilitar a posta en marcha deste proxecto.