O PP solicita acceso á información das licenzas de obra pendentes
Os populares defenden que “Álvaro Santos non pode pedir unha política útil á oposición cando unha das primeiras decisións que toma é negarnos o acceso á información”. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide facía esta reflexión logo de que" o responsable de urbanismo se negase a facilitar os datos sobre o número de licenzas de obra sen resolver". A petición que se cursou por escrito o pasado día 22 de abril respondeuse o pasado venres 29 de abril e nela indícase que a información solicitada “non se obtén automáticamente” polo que “non procede acceder ao solicitado”.
Os populares consideran que "esta resposta escurridiza vén motivada porque algo teñen que ocultar”. Por este motivo o vicevoceiro popular solicitáballe “ao interventor que no seu papel de tutela e coordinación de Álvaro Santos, e en aras á transparencia, medie para que o edil socialista recapacite e permita o acceso á información".
Para os populares esta negativa a aportar documentación das licenzas de obra pendentes de resolver so pode significar dúas cousas: “A primeira que ocultan a información porque son un despropósito todos os expedientes atascados que hai en urbanismo, e en segundo lugar, que non lles interesa achegar os datos porque queren seguir practicando a política do armario onde se poderían mover de forma arbitraria”.
Ameijide insistiu en que o Grupo Municipal Popular non caerá no cebo que lle pon o goberno local “con estas actitudes de prepotencia”. Os populares insisten en que “dende o Grupo Popular non se cambiará a forma de facer oposición. Seguiremos presentando iniciativas construtivas e de fiscalización da súa acción de goberno co único obxectivo de mellorar a vida dos lucenses”, concluíu. Os populares pregúntanse “como pode pedirnos Álvaro Santos unha política útil á oposición cando unha das primeiras decisións que toma é negarnos o acceso á información”.