O PP solicita acceso ao expediente do financiamento do Castelo-Fortaleza de Doiras

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, denuncia que "segue sen facerse nada con respecto ao Castelo-Fortaleza situado no lugar de Doiras, en Cervantes. "Segue pechado á cidadanía lucense e non se pode nin comprobar o seu estado actual", criticou.
Ameijide explicou que no expediente relacionado coa conta presentada polo Concello de Cervantes, que ascende a 225.000 euros, para xustificar os gastos da anualidade de 2023 no marco do convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación de Lugo e o propio Concello debería figurar a acta de recepción e a escritura de compravenda do Castelo, documentos que, segundo el, o Concello de Cervantes debe entregar á Deputación de Lugo.
Así, desde o Grupo Popular explican que solicitaron o acceso a dito expediente, pero aínda non autorizaron o acceso ao expediente no prazo de cinco días establecido pola lexislación, o que impide ao Grupo Provincial Popular obter as informacións solicitadas. "Están a continuar coa súa habitual falta de transparencia, poñendo trabas constantes ao noso traballo", afirmou.