O PP solicita no Congreso a mellora dos accesos a Lugo e o impulso do proxecto de Altri
A presidenta provincial lembra os preto de 13 millóns que a Xunta investirá na intermodal de Lugo e que completará con outras actuacións da cidade como o mantemento da actual Estación de Autobuses cun intercambiador. Elena Candia facía estas declaracións acompañada de representantes no Congreso que compareceron para analizar a situación de infraestruturas
Antes de dar paso de forma detallada das súas iniciativas a popular reivindicou o compromiso do ano 2018 do Ministro de Fomento PP Íñigo González de la Senra “quen marcou a folla de ruta que posicionaba a Lugo como un municipio conectado coa alta velocidade, con orzamentos que revertían a situación das infraestruturas na nosa cidade”.
Ademais, aseguraba que “no PP non renunciamos nin as variantes con Ourense, nin a A56 (Lugo- Ourense), A-74 (Autovía Mariña) ou a A-76 (Ponferrada-Ourense)” engadindo que “imos a apertar o acelerador en materia de infraestruturas xa que deben estar no centro do debate, non podemos comulgar con rodas de muíño, nin podemos ir a aplaudir o avance doutras cidades”.
A popular manifestou que “a esperanza que tiñamos posta no cambio de alcaldía, para que mudase a situación, esfumouse” engadindo que “non entendemos como Lugo perde protagonismo por falta de liderazgo”. Os deputados populares piden a posta en marcha de forma inmediata dun plan integral, de conservación e mantemento da autovía A-6, habilitando partidas orzamentarias plurianuais, incluíndo un plan de choque extraordinario para solventar os problemas identificados nos firmes e nas estruturas; así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros e obras de paso.
Mellora do pavimento
Cristina Abades expuxo outras das iniciativas que presentaron os deputados lucenses no Congreso en relación ás infraestruturas viarias na cidade de Lugo. Ante “o deterioro do pavimento das estradas nacionais de acceso á cidade e a falta de iluminación”, os populares pedirán explicacións ao Goberno central sobre a súa previsión para a mellora das estradas nacionais e da iluminación dos accesos á cidade, ademais do acendido da iluminación da rotonda de Nadela e outros accesos á cidade dende a autovía A-6 para mellorar a seguridade viaria.
A popular aclarou que “é necesario humanizar a entrada por Nadela (N-VI), desdobrar a ronda Norte (N-640) ante o incremento do volume de tráfico, mellorar a entrada pola ponte nova e a N-540 que conecta con Ourense e, actualmente, coa alta velocidade; e tamén manter en bo estado a ponte branca que conecta coa estrada a Portomarín”.
Pola súa parte, Francisco Conde explicou que este martes defenderá na Comisión de Industria e Turismo unha Proposición Non de Lei solicitando ao Goberno de Pedro Sánchez impulsar o proxecto de Altri en Palas de Rei e garantir a viabilidade do investimento. “Como é lóxico, Altri ten que cumprir con toda a normativa medioambiental, senón non será posible a súa instalación e o seu impacto sobre o territorio”, indicou.
Apoio ao proxecto de Altri
Sinalan que “é o momento de que o Goberno nos explique como vai apoiar a Altri para que a nosa provincia poida crecer en termos económicos e de emprego”, dixo. O voceiro de Industria no Congreso lembrou que “o presidente Rueda xa expresou a súa clara intención de apoiar a Lugo neste sentido, e agora é o Goberno de Sánchez, apoiado polo BNG, o que ten asumir que o seu compromiso. Un compromiso que pasa por garantir, dixo, o acceso aos fondos europeos, e por dispoñer da subestación eléctrica necesaria para o abastecemento enerxético da planta”.
Neste senso, fixo un chamamento ao diálogo e á sensatez dos grupos parlamentarios. “O Partido Socialista de Galicia terá unha oportunidade para apoiar o proxecto de Altri e, ao mesmo tempo, o BNG ten a posibilidade de deixar de politizar un tema puramente industrial vinculado co crecemento e o emprego”, concluíu.