O PP solicita o mantemento dos camiños do barrio do Carme
O Partido Popular pide a urxente reparación dos camiños que a alcaldesa de Lugo inaugurou hai seis meses con fondos europeos xa que “hai zonas moi perigosas para os usuarios como consecuencia dos deslizamentos de terra e caídas de muros”.
Os populares afirman que hai buratos de grandes dimensións que dificultan o paso, e mesmo teñen denuncias de veciños que caeron nalgún dos boquetes.
O vicevoceiro popular tamén amosou a súa preocupación pola aparición de xeringas usadas e restos de botellón sobre todo no tramo que comunica a rúa Santiago coa Igrexa do Carme. Antonio Ameijide solicita unha limpeza en profundidade destes camiños xa que “calquera que pase por este tramo pode pincharse” lembrando “moitos usuarios deste paso son pais e cativos dun centro educativo que hai no entorno e que o empregan e como atallo polo que urxe que se extreme a súa limpeza”.
Os populares insisten en que para poñer en valor os máis de 200.000 euros investidos polo goberno local neste entramado de camiños é preciso realizar traballos periódicos de limpeza e mantemento. Ameijide concluía “a alcaldesa de Lugo gasta fondos europeos para facerse a foto do día pero logo é incapaz de manter os proxectos ben por falta de vixilancia, ben por falta de mantemento en boas condicións”. O popular tamén reclamou que se intensifique a prevención dende o ámbito municipal relativa aos factores de risco no consumo de drogas.