O PP urxe ao Concello de Lugo a responder á Xunta para avanzar nas obras do saneamento das Gándaras

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro, acompañados pola tamén deputada e voceira do PP local, Elena Candia, esixiron este venres ao Concello de Lugo que dea resposta inmediata ao requirimento remitido pola Xunta de Galicia hai máis dun ano para poder executar as obras de conexión exterior do saneamento do proxecto sectorial do parque empresarial das Gándaras.
Segundo denunciaron, a inacción do Goberno municipal está a provocar un atraso “inxustificable” nun proxecto que consideran fundamental para fomentar o crecemento económico e a xeración de postos de traballo na cidade.
Grueira e Barreiro lembraron que a Xunta enviou ao Concello o requirimento sobre a modificación do proxecto construtivo da conexión de saneamento hai case dezaoito meses, e que o documento segue sen resposta, o que impide avanzar na execución desta infraestrutura esencial para o polígono empresarial. Ademais, sinalaron que o escrito foi reiterado o pasado 20 de marzo pola propia conselleira durante unha visita oficial a Lugo, sen que o Goberno local adoptase ningunha medida desde entón.
Os deputados populares critican a falta de dilixencia por parte do executivo municipal, ao que acusan de frear o desenvolvemento industrial da cidade, en contraste coa “aposta decidida” da Xunta de Galicia pola mellora da competitividade dos polígonos. Nese sentido, puxeron en valor as axudas da Consellería de Economía e Industria destinadas á mellora da seguridade e das infraestruturas nos parques industriais das Gándaras e do Ceao, que permiten acceder a certificacións de calidade e recoñecementos específicos para atraer novos investimentos.
O investimento total da Xunta no parque empresarial das Gándaras achégase aos 60 millóns de euros. Actualmente, estase executando a urbanización de dúas novas fases e xa están en tramitación outras dúas máis, o que suporá un incremento do 28 % da superficie do polígono. Con esta ampliación, o parque alcanzará os 1,6 millóns de metros cadrados dos 2,1 millóns previstos, e contará cunha mellora substancial nas súas comunicacións, especialmente co polígono do Ceao e coa autovía A-6, dando resposta á demanda empresarial de mellorar os accesos e a conectividade na zona industrial.