O PP urxe ao Goberno Provincial a reparar unha ponte na LU-P-2405 en Guntín ante o risco de caídas ao río

LugoXa
A falta de medidas de seguridade e o mal estado do firme aumentan o perigo para os vehículos que circulan pola LU-P-2405 en Guntín
PP-LU-P-2405-Guntín
10 Jul 2025

O voceiro do Partido Popular na Deputación, Antonio Ameijide, xunto ao alcalde de Guntín, Ángel Pérez, inspeccionaron o estado das estradas provinciais no municipio, poñendo especial atención á LU-P-2405, que conecta Guntín con Entramasaugas, San Román e As Pardellas, sinalando que esta vía presenta un perigo elevado para os usuarios.

Un dos puntos máis críticos é unha ponte situada nunha curva onde, no caso de que se crucen dous vehículos, existe un risco considerable de que un deles caia ao río debido a que a parte interior da ponte está afundida e carece de barandillas ou calquera tipo de protección. Ameijide destacou que “o perigo nesta estrada é moi evidente, podendo os condutores precipitarse ao regato que transcorre debaixo”.

Ademais, o voceiro popular chamou a atención sobre o deterioro xeral da vía, que precisa con urxencia renovación do firme en varios tramos, así como a mellora da sinalización horizontal e vertical.

Pola súa banda, o alcalde Ángel Pérez reclamou a reparación desta e outras estradas, subliñando que “PSOE e BNG deberían mostrar maior compromiso co mantemento da rede provincial, xa que dispoñen de máis recursos económicos e técnicos, mentres que os concellos deben facer grandes esforzos para conservar en bo estado as vías municipais”.

Pérez destacou que a LU-P-2405 require unha intervención inmediata, xa que en moitos puntos as cunetas están desaparecidas, o que provoca que a auga discorra pola estrada e danen o firme. “Non se comprende que un traballo tan sinxelo como limpar as cunetas para evitar o deterioro non se leve a cabo”, engadiu.

⚙ Configurar cookies
0.18649005889893