O PP valora a denegación da autorización ambiental para a planta de biometano de Coeses

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo expresou a súa satisfacción tras a decisión da Xunta de Galicia de denegar a autorización ambiental integrada para a planta de biometano de Coeses.
Esta resolución está baseada en informes técnicos desfavorables que evidencian as deficiencias do proxecto e subliñan a importancia de garantir o estrito cumprimento das normativas ambientais antes de autorizar instalacións desta natureza.
Desde o Partido Popular din que foron os "únicos" que abordaron esta situación "con rigor e sen demagoxia, informando á cidadanía dende o primeiro momento sobre a exposición pública do proxecto, explicando os detalles á veciñanza e ofrecendo asesoramento técnico presencial e personalizado".
Ademais, din que presentaron "alegacións e apoiaron todas as iniciativas dirixidas a garantir unha avaliación exhaustiva do proxecto, liderando incluso unha proposición no Pleno do Concello de Lugo, celebrado o 27 de xuño, para que se tivesen en conta as alegacións dos veciños e colectivos afectados".
Porén, lembran que, a pesar da resolución da Xunta, a última palabra sobre a licenza municipal para a planta de biometano corresponde ao Concello de Lugo.