O PP ve confirmadas as súas reclamacións coa aprobación da rehabilitación da entrada a Lugo pola Fervedoira

O Grupo Municipal Popular considera que a aprobación do convenio para a rehabilitación do firme e a urbanización da entrada a Lugo pola Fervedoira pon de manifesto que o goberno local “acerta cando acepta as reclamacións” formuladas polo PP e polos propios veciños. Así o trasladaron tras manter unha reunión cos residentes do barrio do Sagrado Corazón, cumprindo co compromiso adquirido de mantelos informados sobre a evolución dos proxectos pendentes nesta zona da cidade.
Desde o grupo popular lembran que se trata dun ámbito que arrastra numerosas carencias despois de anos de promesas incumpridas e reivindicacións históricas tanto do Partido Popular como da veciñanza. Neste contexto, sinalan que o acordo entre a Deputación e o Concello para actuar na Fervedoira responde a unha demanda veciñal de longa duración, para a que o PP chegou a presentar emendas aos orzamentos municipais, que no seu momento non foron aceptadas.
Durante o encontro, os concelleiros populares informaron tamén da publicación no DOG do expediente de expropiación dos terreos do antigo colexio, un paso que, segundo explicaron, confirma que o Concello descarta finalmente o polémico cambio de localización do novo centro de saúde do barrio, unha opción que fora rexeitada polos veciños. Esta información enmárcase, segundo indicaron, no seu compromiso de desenvolver unha oposición activa e unha política de proximidade.
O PP trasladou igualmente o estado doutros proxectos relevantes para o barrio, como a mellora da entrada á cidade pola avenida Adolfo Suárez e a reforma da cuberta da igrexa. Os populares insisten en que o Sagrado Corazón é “unha zona moi mellorable”, que continúa acumulando carencias básicas impropias do século XXI, como a falta de alumeado público, rede de sumidoiros ou beirarrúas que garantan a seguridade dos peóns, unha situación que, segundo subliñan, mantén á veciñanza nunha situación de abandono.