O PP vén de colocar vallas publicitarias denunciando a suba de impostos do Concello de Lugo
O Partido Popular vén de colocar dúas vallas publicitarias na Campiña, na entrada da estrada de Vegadeo a Lugo, e a outra na ronda Xosé Castiñeira, na contorna dos conservatorios de Lugo, informando da suba de impostos do Goberno local.
Esta acción forma parte das iniciativas que desenvolveu o Grupo Popular “para convencer ao Goberno de Lugo que dea marcha atrás coa suba de impostos municipais á que se opón o PP e que se suma ás alegacións que se presentamos para frear este incremento inxustificado", sosteñen.
Así, os populares continúan coa súa campaña informativa sobre a suba de impostos que PSOE e BNG aprobaron no pleno do 26 de setembro coa oposición do PP. O obxectivo desta campaña informativa é que os veciños coñezan a realidade "do que lle van a subir os recibos en 2025 e explicarlles que cunha mellor xestión, por parte do bipartito, non sería necesario aumentalos".
Nas vallas que están colocadas nestas dúas localizacións enuméranse algúns dos proxectos, "que non supoñen ningún valor engadido á cidadanía e que non teñen uso, pero que supuxeron investimentos millonarios e agora gastos de mantemento como son as caldas, o edificio impulso verde, ou o carril bici", denuncian os populares, que afirman que "cunha mellor xestión non sería necesaria esta suba de impostos".
O Grupo Municipal Popular rexistrou alegacións á suba das ordenanzas fiscais “unhas propostas que teñen dous obxetivos: o primeiro é corrixir inxustizas, eliminando a plusvalía e bonificando o IBI para os terreos rústicos da zona rural que agora pasarán a pagar como urbano; e que o esforzo que lles piden aos lucenses para equilibrar impostos e gastos o asuma o propio goberno cun plan de contención de gastos", conclúen.