A falta de persoal no centro de saúde da Fonsagrada enfronta ao BNG e ao PP no Parlamento
O PP vetou no Parlamento galego a iniciativa do BNG para que a Xunta cubra todas as prazas de persoal facultativo das que dispón o centro de saúde da Fonsagrada, que presta atención sanitaria tanto a este concello como ao de Negueira de Muñiz, cuxa veciñanza leva dende novembro de 2023 mobilizándose para “pedir, non máis médicos, senón aqueles que teñen recoñecidos”.
Así o recalcou na súa intervención a deputada por Lugo Olalla Rodil, quen logo da negativa inicial do PP á súa proposición non de lei na comisión parlamentaria de Sanidade tratou de impulsar un acordo cunha última proposta de transacción que tampouco foi aceptada polo grupo popular na Cámara.
E isto pese a que Rodil puxo de manifesto a situación que padece a veciñanza destes dous municipios da montaña luguesa, dado que actualmente das cinco prazas que existen neste centro de saúde, só están cubertas tres por unha xubilación e a baixa doutro profesional. “Tres persoas para atender o centro de saúde e o PAC da Fonsagrada e un día á semana, se hai sorte, alguén en Negueira”, recriminou para advertir a continuación que “hai xente que non ten coche e ten que pedirlle a un veciño que o leve ou coller un taxi pagando 40 euros para ir ao médico”.
A tamén viceportavoz parlamentaria do Bloque considerou “inadmisible” unha situación que “vulnera os dereitos da poboación” a recibir unha correcta atención sanitaria que, neste caso, é evidente que “nin é próxima, nin accesible, nin de calidade”. Rodil asegurou que non se non se garante a atención “con tres médicos para atender case 4.000 habitantes nun inmenso territorio de 500 km2”, incidiu logo de recalcar que o que reclama a cidadanía coa súa mobilización é algo tan básico como a cobertura das prazas que ten o centro de saúde e o PAC da Fonsagrada e contar cun médico en Negueira polo menos dous días á semana. “O que había, nin máis nin menos”, recordou na defensa da proposición non de lei que tamén incluía a adopción das medidas estruturais necesarias no centro de saúde para que se puideran prestar nel os servizos de radioloxía e fisioterapia, evitando deste xeito o desprazamento da veciñanza a outros municipios.
O PP pide cubrir un facultativo interino
Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular Encarna Amigo demandou no Parlamento de Galicia que a Xunta inclúa a praza vacante do centro de saúde da Fonsagrada en futuras ofertas públicas de emprego para prazas de difícil cobertura, así como, na medida do posible, contrate un facultativo interino de longa duración. "A carencia de médicos de familia é xeneralizada no
conxunto de España” e explicou que, “aínda ofertando a totalidade das prazas que acredita o Ministerio de Sanidade, sabemos que son necesarias máis”.
Ese foi o motivo polo que desde o Partido Popular e a Xunta levan tempo "pedindo ao Ministerio que acredite máis prazas para as especialidades deficitarias, como medicina de familia ou pediatría”, apuntou. Respecto da prestación de servizos de radioloxía e fisioterapia no municipio, Encarna Amigo indicou que “a Xunta xa licitou a contratación dunha unidade de raios móbil, que reforzará o servizo no rural galego e que garantirá un adecuado acceso a estes servizos, ao tempo que se optimiza o uso dos recursos públicos”.