O PPdeG homenaxea a Francisco Cacharro e destaca o seu legado de estabilidade e compromiso público

GaliciaXa | LugoXa
Rueda e Candia reivindican a figura do histórico político lucense nun acto polo décimo aniversario do seu falecemento
Homenaxe_Cacharro-Pardo-PP-Lugo
6 Nov 2025

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou o legado de estabilidade, responsabilidade e personalidade que, ao seu xuízo, deixou Francisco Cacharro e que continúa presente na Galicia actual, converténdose nun exemplo de como entender a política e a xestión pública.

O líder popular participou este mércores no acto organizado polo PP da provincia de Lugo para conmemorar o décimo aniversario do falecemento do histórico político. O encontro, concibido como unha homenaxe, pretendeu tanto achegar ás xeracións máis novas a súa traxectoria como lembrar a un representante público que, segundo Rueda, sempre estivo á altura da confianza depositada pola cidadanía nos diferentes cargos que ocupou.

A Facultade de Farmacia acolleu o evento, no que o toque musical correu a cargo dun gaiteiro da asociación Bágoas da Terra e do Orfeón Lucense. A condución do acto estivo en mans de Xulio Xiz e contou tamén coas intervencións de Antonio Giz, en representación do colectivo cultural lucense Egeria; de Sara Ruiz, licenciada en Veterinaria e próxima a culminar o seu doutoramento; e de Francisco Cacharro Gosende, fillo do homenaxeado, que tomou a palabra en nome da familia.

No seu discurso, Rueda puxo en valor a paixón, firmeza e compromiso de Cacharro coa mellora e fortalecemento dos servizos públicos, aspectos que resultaron decisivos para impulsar proxectos como a Facultade de Veterinaria de Lugo, hoxe un “símbolo” do Campus Terra, cuxa creación defendou con determinación e visión estratéxica.

O presidente do PPdeG afirmou que o partido continúa traballando co mesmo estilo que nas primeiras décadas da democracia: lonxe da confrontación e do ruído e centrado na eficacia e nos resultados que repercuten positivamente na vida da cidadanía. Fronte a unha oposición “instalada no non” e un Goberno central que, segundo Rueda, “nin pode nin quere gobernar”, destacou que Galicia aproba os seus Orzamentos en prazo para responder ás necesidades sociais.

“Nun contexto no que é doado caer na idea da política como competición, Francisco Cacharro representaba que o que realmente transforma unha sociedade é a constancia e o traballo silencioso”, concluíu.

Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, subliñou que recoñecer o legado de Cacharro “é un deber como militantes e un acto de xustiza como lucenses”. Recalcou que “nin Lugo nin o PP de Lugo serían iguais sen o proxecto e o esforzo” do histórico político.

Candia repasou iniciativas impulsadas por Cacharro, como o Campus de Lugo, o Hospital Veterinario, a Fundación Rof Codina, a Granxa Gayoso Castro, os conservatorios elementais de música, o desenvolvemento de solo industrial mediante SUPLUSA, a mellora da rede provincial de estradas, a promoción da Ribeira Sacra e das rutas en catamarán, a creación do Centro de Artesanía e Deseño, o apoio ao sector artesán, a aposta pola viticultura, a colaboración con ACRUGA ou a consolidación das Reservas da Biosfera. No eido social destacou medidas como a teleasistencia e o servizo de preescolar na casa, ademais do seu impulso cultural, audiovisual e deportivo, coa ampliación do Museo, o apoio á televisión local e a creación do Pazo provincial de deportes, entre outras iniciativas.

A presidenta provincial agradeceu a colaboración de Xulio Xiz e Antonio Giz e a disposición da familia Cacharro, que “abriu as portas do seu recordo con xenerosidade”. Definiu ao homenaxeado como “sabio, bo e tolerante”, cunha “visión estratéxica e innovadora” e pertencente á xeración que, tras unha infancia marcada pola penuria, “foi capaz de reconstruír un país e transformalo nunha sociedade libre e próspera”. “Os milagres non existen —indicou—, senón o esforzo e os sacrificios dunha xeración convencida de que o traballo humano é motor de cambio”.

⚙ Configurar cookies
0.071721076965332