O PPdeG pide ao Estado "solucións válidas" para o colapso do viaduto da A6

LugoXa
Paula Prado critica que o Executivo de Sánchez respondera a través dos medios ás propostas da Xunta, cando “dixeran que as ían valorar”
PP Visita Viaduto Castro
6 Xul 2022

O Partido Popular pide ao Goberno central que “non xogue a desprezar a Galicia” e que achegue “solucións válidas” para o dobre colapso do viaduto da autovía A6. Así o reclamou esta mañá a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen se desprazou, xunto a outras autoridades e membros do partido, ao lugar dos feitos.

Prado dixo ter a sensación de “decepción” ao observar este viaduto, punto de conexión entre Galicia e Castela e León.

“Decepción porque a grandes males teñen que darse grandes remedios, e aquí por agora son inexistentes; porque se obvia a experiencia de Galicia, que coñece o territorio e achegou propostas viables; e porque esta situación se une ao illamento co que Sánchez está sometendo a Galicia coa eliminación das paradas de autobús e o atraso da chegada dos trens Avril”, subliñou.

Así mesmo, incidiu en que “se está minguando a competitividade de Galicia de forma substancial”, tendo en conta que o transporte eólico cara ao porto de Ferrol leva un ano sufrindo as obras do viaduto e agora está nunha “situación de absoluta emerxencia”.

“Hai 4.000 empregos pendentes dun fío por non tomar medidas e existe a ameaza da deslocalización das multinacionais. E o resto do transporte está a sufrir tamén as consecuencias”, sinala.

A “decepción” do PPdeG tamén se estende a que este viaduto é “unha das principais vías de entrada a Galicia”, que agora se atopa nun Ano Xacobeo, de moito turismo e moitos visitantes.

“Necesitamos transparencia, información, solucións a curto prazo e solucións a longo prazo”, apuntou a secretaria xeral, que cre que despois dun mes, “Galicia está igual que no minuto 1”, sen coñecer as causas do colapso e sen alternativas para facilitar a mobilidade.

Isto mesmo foi o que analizou a Comisión de Infraestruturas do PPdeG, que se reuniu este mediodía nas Nogais co gallo da súa constitución, baixo a presidencia do coordinador da materia na formación, Antonio Ameijide, e entre cuxos membros se atopan Celso Delgado, portavoz adxunto da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no Congreso, e Pilar Rojo, vogal da
Comisión deste eido no Senado.

A Comisión lembrou que, cando o primeiro tramo colapsou, o viaduto xa non estaba en funcionamento, senón que se estaba a realizar unha obra de emerxencia, cun investimento de 26 millóns de euros.

Outra das cuestión analizadas foi a das medidas provisionais propostas polo Ministerio de Transportes, e que consideraron “insuficientes” para resolver os problemas máis urxentes a día de hoxe: o tráfico concentrado na travesía de Pedrafita, que causa inseguridade viaria; e o tránsito de vehículos especiais.

0.11690711975098