O prazo de axudas do programa O que non arde, aínda está aberto
As comunidades de montes poden solicitar achegas para pastoreo con gandeiría extensiva no ámbito de influencia das faixas de xestión de biomasa e nos lateriais das vías municipais, así como para elaborar e regular plans de aproveitamento silvopastoril.amén se ofrece a posiblidade de optar a axudas destinadas á investigación da propiedade ou á resolución de discreprancias catastrais, que repercutan na mellora organizativa e estrutural destas entidades de xestión en común da propiedade. As achegas poden chegar, en función das accións para as que se soliciten, ata os 6.900 euros.
Así, o explicou a deputada de Medio Rural, Mónica Freire nun encontro en Foz un con representantes de comunidades de montes veciñais en man común da comarca da Mariña para presentarlles o programa O que non arde, dirixido a contribuír á prevención dos incendios.
No encontro, que se desenvolveu no Centro Cívico de Cangas de Foz, a responsable nacionalista, acompañada por persoal técnico da área, debullou os detalles do programa, cunha liña de axudas dirixida ás comunidades de montes que desenvolvan ou poñan en marcha actividades silvopastorís nas faixas de protección fronte aos lumes.
Mónica Freire incidiu “na importancia da prevención nas políticas públicas contra os lumes forestais, un dos elementos centrais da problemática do campo galego e unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural”.
Nese sentido, explicou que “O que non arde parte desa premisa e pon a disposición das comunidades de montes recursos para poñer en marcha actividades como pastoreo que aseguran un aproveitamento produtivo dos terreos ao tempo que os manteñen libres de biomasa”.
A responsable de Medio Rural aludiu á necesidade de “contar coas comunidades de montes nesa tarefa pola superficie de terreo que xestionan e tamén pola labor pedagóxica que coas súas prácticas poden desenvolver de cara a propietarios e propietarias”
A convocatoria está aberta a todas as comunidades cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. No caso de arrendamento total ou parcial do monte, ou cesión parcial do mesmo para o seu aproveitamento individual por parte dalgúns comuneiros, para a realización dun aproveitamento de pastos por gando en extensivo, os arrendatarios e comuneiros poderán acollerse ao programa.
As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 28 de outubro, achegando a documentación indicada nas bases da convocatoria, dispoñible na web da Deputación de Lugo e publicadas no BOP do 29 de setembro.
Ligazón as bases da convocatoria: http://deputacionlugo.gal/gl/temas/medio-rural/subvencions-concorrencia